O cooperativismo de consumo preséntase en Sober como vía para impulsar as comunidades enerxéticas no rural

Durante a xornada celebrada en Sober (Lugo) o día 8 de outubro abordáronse os retos e oportunidades das comunidades de enerxía renovables e o papel do cooperativismo de consumo como ferramenta para promover formas de organización colectiva arredor da enerxía e contribuír á creación de Comunidades de Enerxía Renovable no medio rural.

O MOOC “Acción colectiva para a transición enerxética” presentado é unha formación en liña, gratuíta e aberta que recolle os coñecementos e aprendizaxes xerados en EC4URAL.

No evento participaron representantes de tres dos municipios adscritos ao piloto de EC4RURAL en Galicia: Sober, Moeche e O Rosal.

O cooperativismo de consumo pode converterse nunha ferramenta para promover novas formas de organización colectiva arredor da enerxía e contribuír á creación de Comunidades de Enerxía Renovable no medio rural. Esta foi unha das cuestións abordadas en Sober durante a xornada “Cooperativismo de consumo e Comunidades Enerxéticas”, organizada no marco do proxecto europeo EC4RURAL, organizada por EspazoCoop, en colaboración cos socios Fundación Juana de Vega e a FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias), e co apoio da Rede Eusumo, no marco das actividades de promoción e impulso do cooperativismo, sectores específicos da economía social (enerxías renovables e transición enerxética).

O encontro, celebrado no espazo Guardabosques de cooperativa Ecoo, en Donelle (Gundivós), reuniu a máis dunha trintena de representantes do ámbito do cooperativismo de consumo (enerxía e vivenda en cesión de uso), das comunidades enerxéticas, das administracións públicas e de persoas interesadas na transición enerxética para compartir experiencias e analizar as posibilidades de impulsar procesos colectivos desde o territorio.

O programa incluíu relatorios sobre a situación do cooperativismo de consumo e a promoción das Comunidades de Enerxía Renovable, así como unha mesa de análise dos principais retos e oportunidades relacionados con trámites administrativos, financiamento, inclusión social e escalabilidade. Neste sentido, Jose Antonio Eiras (Nosa Enerxía S. Coop. Galega e membro do Consello Reitor de EspazoCoop) contextualizou a situación e tendencias do cooperativismo de consumo en Galicia, e Almudena Fiunte, técnica de EC4RURAL vinculada á Universidade de Vigo, fixo un repaso do traballo realizado desde setembro de 2023 e expuxo as principais aprendizaxes dunha metodoloxía baseada nun enfoque multidimensional e multiactor, que combina cidadanía enerxética, liderado municipal, participación e apoio técnico continuado.

A xornada permitiu tamén coñecer casos reais e aprendizaxes sobre comunidades enerxéticas, cooperativas de consumo e innovación social, con experiencias de Galicia e de Andalucía, con especial atención á vivenda en cesión de uso. Entre a ducia de relatores, destacou a presenza de representantes de tres dos municipios adscritos a EC4URAL como son O Rosal, Moeche e Sober para contar a súa experiencia no marco desta iniciativa pioneira en Galicia.

O pase de diapositivas require JavaScript.

O novo MOOC de EC4RURAL

Un dos momentos centrais da xornada foi a presentación das aprendizaxes de EC4RURAL e o lanzamento dunha nova formación en formato MOOC (Massive Open Online Course) baixo o título “Acción colectiva para a transición enerxética”, dispoñible en galego e e inglés na plataforma de teleformación web de EspazoCoop. Este curso online, libre e en aberto ten como finalidade poñer a disposición da cidadanía, e de calquera persoa interesada, o coñecemento para comprender e impulsar procesos colectivos relacionados coa transición enerxética.

O lanzamento deste MOOC sumáse aos cursos online promovidos no marco de EC4RURAL, e que xa suman seis edicións consecutivas, así como á microcredencial impartida pola Universidade de Vigo. “A formación, a capacitación e a transferencia de coñecemento son elementos necesarios para favorecer a participación das comunidades rurais na transición cara a modelos enerxéticos máis limpos e participativos”, sinalaron desde o consorcio.

Sober retoma o proceso para crear a súa comunidade enerxética

A celebración da xornada en Sober permitiu ademais poñer o foco no proceso iniciado polo municipio para a constitución da súa propia Comunidade de Enerxía Renovable. Sober é un dos 22 municipios galegos adscritos ao piloto galego de EC4RURAL. Durante o peche institucional, o alcalde, Luis Fernández Guitián, avanzou a intención do concello de reactivar o proceso xa que o municipio conta cun estudo técnico elaborado no marco de EC4RURAL.

Un espazo para compartir experiencias

Tras a presentación da nova formación, a xornada incluíu un debate aberto, permitindo ás persoas participantes compartir reflexións e aprendizaxes sobre os diferentes modelos de organización colectiva e as posibilidades de colaboración entre cooperativas, comunidades enerxéticas, administracións e cidadanía.

No peche institucional tamén participou Marta Mariño Regueiro, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, e finalizou cun xantar compartido no propio espazo Guardabosques.

—

Esta xornada enmárcase no programa de EC4RURAL para favorecer a transferencia de coñecemento e promover a transición cara a unha enerxía limpa nas zonas rurais, fortalecendo a participación cidadá, a formación e a cooperación entre administracións, comunidades rurais e outros actores locais, e nas actividades de promoción e impulso do cooperativismo da Rede Eusumo.

—

Sobre o proxecto EC4RURAL

O proxecto EC4RURAL comezou en setembro de 2023 cun orzamento de 1,6 M€, cofinanciado polo Programa LIFE da Unión Europea dentro do subprograma Clean Energy Transition. Cunha duración de catro anos e a participación de dez entidades de España, Bélxica e Estonia, EC4RURAL ten como obxectivo transformar a relación entre as administracións locais e rexionais, os Grupos de Acción Local e as comunidades rurais para contribuír á transición cara a un modelo enerxético limpo, participativo e sostible.

EC4RURAL busca que as zonas rurais poidan aproveitar o seu potencial en enerxías renovables e que a cidadanía participe activamente na produción, xestión e aproveitamento da enerxía, contribuíndo a reducir situacións de vulnerabilidade enerxética e reforzar a resiliencia dos territorios.

Ata setembro de 2027, o consorcio de EC4RURAL traballará para impulsar a creación de 34 Comunidades de Enerxía Renovable en zonas rurais de Galicia (España) e Estonia, orientadas á produción de electricidade mediante instalacións fotovoltaicas situadas nas cubertas de edificios públicos. Os municipios galegos que participan no proxecto son Avión, Becerreá, Entrimo, Mazaricos, Moeche, Monterroso, Muíños, Muras, Ordes, Ourol, Outes, Palas de Rei, A Pobra de Brollón, O Rosal, Salvaterra de Miño, Silleda, Sober, Tomiño, Tordoia, O Valadouro, Vedra e Vilasantar.

A Universidade de Vigo lidera un consorcio multidisciplinar no que participan a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Unión Espazocoop de Cooperativas Galegas, a cooperativa Sapiens Enerxía e a Fundación Juana de Vega. Con sede en Bélxica está a Asociación Europea LEADER para o Desenvolvemento Rural (ELARD) e, por parte de Estonia, forman parte do consorcio a Universidade de Tartu, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional de Enerxía de Tartu e a Unión Estonia Leader (ELU).