“Programa Creando Mellora” | 10ª edición

Bolsas en cooperativas para mulleres e persoas con estudos empresariais

Iniciamos o proceso de selección de Bolseiras para participar nas Estadías en Cooperativas, no marco do Programa Creando Mellora.

A Unión de Cooperativas EspazoCoop, abre a convocatoria do Programa Creando Mellora 2022, a súa 10ª edición, dirixida preferentemente a mulleres en desemprego con estudos na área empresarial. Convócanse 4 bolsas que darán a posibilidade de realizar unha Estadía en Prácticas nunha Cooperativa galega durante 5 meses para impulsar e apoiar o ámbito xerencial e procesos de mellora, as Bolsas están dotadas cunha Axuda Económica mensual bruta de 700 €.

A Estadía en Prácticas é para analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da cooperativa. A persoa Bolseira e a Cooperativa contan ademais co apoio da mentoría e titorización de EspazoCoop, que se realiza en cordinación coa Cooperativa apoiando as súas necesidades e demandas. A previsión da duración da Estadía é de Maio a Setembro 2022 a razón de 25 horas semanais. As bolsas están vinculadas a un Programa Formativo teórico-práctico que vai paralelo á Estadía.

Sinalar que como parte do proceso de selección das Bolseiras (previo á Estadía), as candidatas pre-seleccionadas terán que realizar un CURSO de formación cooperativa, previsto do 1 ao 17 de Abril de 20 h. en modalidade semi-presencial. O curso consta de só unha sesión presencial en Santiago o 13 de abril, e tres sesións virtuais os días 1, 5 e 8 de abril.

Xa foron beneficiarias dunha Estadía en Prácticas nunha Cooperativa 50 persoas bolseiras ao longo do conxunto de tódalas edicións. As súas valoracións son moi positivas, contribuíndo á mellora da súa formación e a acadar experiencia que facilita a incorporación ao mundo laboral. Ademais de ser un programa diferenciador, xa que as persoas se especializan en materia cooperativa e nalgúns casos quedan vinculadas profesionalmente ao sector cooperativo e da economía social. Poderíase dicir que é un programa que crea “canteira” para o mundo cooperativo.

Prazo para candidatarse e solicitar unha bolsa: luns 28 de Marzo de 2022.

Estas son as localidades das cooperativas nas que se realizarán as Estadías das Bolsas:

  • Vigo
  • Pontevedra
  • A Coruña
  • Santiago de Compostela

Nota: A entidade convocante resérvase a posibilidade de modificar o prazo de solicitude e as datas do programa, se fora o caso, por motivos e causas de interese para o desenvolvemento do proceso de Selección e do Programa.

Información: Unión de Cooperativas EspazoCoop | 986 866 149 – roberto@espazo.coop | de luns a venres de 9-14 h.