Axudas | Bono Consolida Economía Social 2026

A Xunta convocou as axudas para a consolidación e impulso das entidades da economía social : Bono Consolida 2026.

 

O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria do Bono Consolida Economía Social, trátase de axudas para o apoio e a consolidación das entidades da economía social de Galicia e para reforzar a súa presenza no tecido económico, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.

Neste sentido, poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.

As achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións con elas fináncianse, investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de outubro de 2026 en:

  • equipamento informático
  • software e páxinas web
  • márketing
  • eficiencia enerxética
  • adquisición de equipamento
  • reforma do centro de traballo
  • mobiliario
  • obtención de certificacións de calidade
  • desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade
  • plan de protección de datos
  • elementos de transporte
  • formación para socias de alta no réxime de traballo autónomo (Reta)

Presentación de solicitudes: o prazo de presentación de solicitudes abrirá o 10 de febreiro de 2026 ás 9 h. e prolongarase ata o 10 de abril de 2026 ás 20 h.

Ligazón á orde no DOG: neste enlace

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.