Axudas | Bono Consolida Economía Social 2026
A Xunta convocou as axudas para a consolidación e impulso das entidades da economía social : Bono Consolida 2026.
O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria do Bono Consolida Economía Social, trátase de axudas para o apoio e a consolidación das entidades da economía social de Galicia e para reforzar a súa presenza no tecido económico, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.
Neste sentido, poden ser beneficiarias destes apoios sociedades cooperativas e laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego que estean rexistrados e acrediten unha antigüidade mínima de 42 meses.
As achegas serán de ata 30.000 euros por entidade e a intensidade da axuda do 80% do custo subvencionable. Entre outras actuacións con elas fináncianse, investimentos realizados entre o 1 de novembro de 2025 e o 30 de outubro de 2026 en:
- equipamento informático
- software e páxinas web
- márketing
- eficiencia enerxética
- adquisición de equipamento
- reforma do centro de traballo
- mobiliario
- obtención de certificacións de calidade
- desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade
- plan de protección de datos
- elementos de transporte
- formación para socias de alta no réxime de traballo autónomo (Reta)
Presentación de solicitudes: o prazo de presentación de solicitudes abrirá o 10 de febreiro e prolongarase ata o 10 de abril de 2026.
Ligazón á orde no DOG: neste enlace
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
