Axudas a empresas de economía social do Concello de Santiago
A Concellería de Dereitos e Servizos Sociais pon en marcha unha nova convocatoria das subvencións destinadas a apoiar as empresas de economía social, cunhas bases nas que se introduciron modificacións co obxectivo de incentivar o emprego de mulleres e de persoas con diversidades funcionaisou en situación de desvantaxe social e laboral. Explicouno a concelleira María Rozas, despois da aprobación da convocatoria na Xunta de Goberno celebrada esta mañá. Ás axudas destinarase un importe total de 160.000 euros.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, acompañada pola responsable técnica do departamento de Promoción Económica, Carme Casado, deu conta da convocatoria de axudas destinadas á consolidación e ao mantemento de empresas de economía social, é dicir cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego ou empresas de inserción. María Rozas explicou que as bases introducen novidades nos criterios de concesión das axudas, “atendendo á realidade das empresas de economía social de Santiago, e despois de ter abordado con elas as súas necesidades”. Así, dáselle protagonismo á presenza das mulleres nas empresas solicitantes, “de maneira que se valorará que a maioría das persoas traballadoras sexan mulleres, e non só que esa maioría feminina se produza no capital social, como acontecía ata agora”. Ademais, introdúcese un novo criterio para valorar especialmente a presenza no persoal da empresa de persoas con diversidade funcional ou en situación de desvantaxe laboral ou social.
En canto aos sectores de actividade que se van priorizar na convocatoria, ás empresas dos sectores máis castigados pola crise da Covid como a hostalería, o comercio e o turismo, engándense agora os sectores agroalimentario, xardinería e o sector servizos, “que son aqueles nos que as empresas de economía social teñen maior implantación no noso municipio”.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais reiterou a aposta do Concello de Santiago polas empresas de economía social, “un modelo económico que ten probada a súa maior resiliencia diante das crises económicas e a súa maior capacidade para crear emprego feminino e entre colectivos de difícil inserción laboral”. María Rozas lembrou que en Compostela existen un total de 104 entidades de economía social activas, das que o 75% son cooperativas.
Prazos de solicitude e gastos subvencionables
Á convocatoria de axudas a empresas de economía social poden optar aquelas cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego e empresas de inserción que teñan iniciada a súa actividade o 1 de xaneiro de 2023, ou que a inicien dentro do período subvencionable, e se manteñan en activo durante o ano da convocatoria. Tamén é requisito para obter as axudas que as empresas teñan a súa sede social, fiscal e, polo menos, un centro de traballo, no concello de Santiago.
Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes realizados e pagos entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 1 de outubro de 2023. O importe final da subvención non poderá superar o importe máximo de 5.000 euros por beneficiario, nin o importe total do 80% dos gastos subvencionables debidamente xustificados.
O PRAZO para presentar as solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación das bases da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia, e finalizará o 31 de outubro.
Documentos relacionados
O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 31 de outubro de 2023.
+Información e solicitudes: neste enlace
Fonte da nova: web do Concello de Santiago