Xuntanza entre o IGAPE e EspazoCoop para fortalecer o cooperativismo en Galicia
Este encontro marca un paso máis na consolidación do cooperativismo como motor de desenvolvemento económico e social en Galicia
Representantes de EspazoCoop, a Unión de Cooperativas de Galicia, mantiveron o 16 de decembro unha reunión estratéxica con Covadonga Toca, Directora do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), e Natalia Barros, Directora da Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape. Este encontro tivo como principal obxectivo abordar iniciativas conxuntas para impulsar o modelo cooperativo como ferramenta clave para o desenvolvemento económico sostible en Galicia.
Na xuntanza, debatéronse aspectos clave para o fortalecemento das cooperativas en Galicia, facendo fincapé na importancia do acceso a novas vías de financiamento. EspazoCoop, como principal entidade representativa do sector cooperativo en Galicia, trasladou ás directoras as preocupacións e necesidades das cooperativas, subliñando cuestións como a necesidade de maior coñecemento institucional do modelo, o recoñecemento do valor social do modelo cooperativo e a importancia de ter en conta as peculiaridades organizativas e de xestión das cooperativas para garantir o accesos aos diferentes recursos que se poñen en marcha tanto para a creación e consolidación do tecido empresarial.
Durante a reunión, tamén se exploraron posibles liñas de colaboración a medio e longo prazo para promover o emprego de calidade, o desenvolvemento rural e a igualdade de oportunidades no tecido económico galego através do modelo cooperativo.
Un futuro baseado na cooperación: 2025, ano internacional das cooperativas
Esta xuntanza enmárcase nun momento de especial relevancia para o sector cooperativo, dado que 2025 será o Ano Internacional das Cooperativas. Este recoñecemento global subliña a importancia do modelo cooperativo como motor para a creación dun futuro máis sostible, xusto e participativo. EspazoCoop reafirma o seu compromiso de aproveitar esta conmemoración como oportunidade para visibilizar e fortalecer o cooperativismo en Galicia, destacando o papel das cooperativas como motores de cambio social e económico.
Pola súa banda, Covadonga Toca resaltou o papel do IGAPE no acompañamento e asesoramento ás cooperativas para promover a súa transformación dixital e a innovación como piares fundamentais para o seu crecemento sustentable. E, ao fío, puxo en valor o papel da Oficina Económica de Galicia “para conectar coas empresas, facilitando e promovendo a desburocratización e achegando unha administración máis accesible”, o que permitirá potenciar o desenvolvemento das iniciativas empresariais a través dun acompañamento máis áxil, directo e eficaz.
Covadonga Toca tamén fixo fincapé na importancia de traballar man a man co sector cooperativo, “un modelo organizativo que achega valor social e económico, favorece o emprego de calidade e promove a igualdade de oportunidades”.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Leave A Comment