Remata o Encontro estatal de Cooperativismo organizado por EspazoCoop

 

 

  • Durante estes días Galicia foi o centro estatal do cooperativismo coa presenza na comunidade de entidades de toda España.
  • Hoxe tiveron lugar encontros institucionais co Concello da Coruña e a Deputación Provincial da Coruña, ademais dun Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA).

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2022. Hoxe remata o Encontro de visibilización e intercooperación entre representantes do cooperativismo de traballo asociado, estatal e galego organizado pola Unión de Cooperativas Espazocoop. Durante os seus 2 días de duración, reuníronse en Galicia entidades de todo o estado quen debateron sobre o futuro do cooperativismo, ademais de manter xuntanzas con representantes de diferentes institucións.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “este tipo de encontros son fundamentais para a economía social e o cooperativismo, xa que grazas a eles podemos coñecer o traballo que se desenvolve noutras comunidades. Ademais, queremos agradecer ás administracións públicas coas que mantivemos xuntanzas estes días, Xunta de Galicia, Concellos de Santiago de Compostela e A Coruña ademais da Deputación Provincial da Coruña”.

Pola súa banda, Luis Miguel Jurado, Presidente de COCETA agradeceu e valorou “o traballo de EspazoCoop á hora de organizar este encontro e a implicación das administracións públicas xa que é fundamental a colaboración público privada para fomentar a economía social”.

Encontros institucionais

O derradeiro día deste encontro comezou cunha recepción institucional no Concello da Coruña na que participou Jesús Javier Celemín Santos, Concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, quen deu a benvida aos participantes no Encontro..

Despois, tivo lugar no Pazo de Mariñán a xuntanza do Consello Reitor da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA). O último acto oficial deste encontro foi unha recepción co Presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, quen sinalou “a importancia do cooperativismo e a economía social na provincia da Coruña, onde se concentran máis de 3.650 empresas deste ámbito, o 43% destas iniciativas en Galicia”.

Formoso destacou a actividade das cooperativas, sociedades agrarias de transformación ou centros especiais de emprego e destacou “a súa contribución á creación de emprego e dinamización económica da provincia”, así como “a dimensión social de moitas destas iniciativas, que melloran a vida de miles de persoas”.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Sobre COCETA

COCETA é a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado, organización representativa das empresas cooperativas de traballo do Estado Español. Constituída en 1986 como Asociación Cooperativa, de carácter confederal e multisectorial. Está integrada polas Federacións/Unións/Asociacións de Cooperativas de Traballo das diferentes CCAA. COCETA entende o cooperativismo como unha forma de emprender, creando empresas baseadas nos principios de democracia, autoxestión, solidariedade e responsabilidade social. A cooperativa de traballo representa un modelo ético de participación e xestión económica e empresarial que contribúe ao crecemento socioeconómico da localidade onde se sitúa, á creación de emprego estable, á loita contra a exclusión, á cohesión social e á integración igualitaria das persoas. COCETA representa a máis de 17.600 cooperativas de traballo en toda España e 305.291 empregos directos.



 



 

*Galería de imáxenes de EspazoCoop e Coceta.

O pase de diapositivas require JavaScript.