Por primeira vez, Galicia na executiva da Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado

 

Claudia Rodríguez, Vogal no Consello Reitor de EspazoCoop, foi elixida membro da executiva da organización representativa das empresas cooperativas de traballo en España.

Na actualidade, a Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA) aglutina a máis de 17.000 cooperativas.

A Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA) celebrou a súa asemblea anual e nela escolleuse nova directiva. Por primeira vez, unha das persoas integrantes deste órgano será unha representante de EspazoCoop, Claudia Rodríguez, vogal da Unión.

Deste xeito, unha muller galega ostentará este cargo por primeira vez na historia, o que supón un fito para EspazoCoop, xa que aumentará a súa presencia institucional nunha das organizacións máis importantes de todo o estado.

Na actualidade, COCETA aglutina 15 organizacións confederadas, representa a máis de 17.300 cooperativas de traballo con máis de 250.000 empregos fixos nos que as mulleres constitúen o 51% do total. Segundo Claudia Rodríguez, Vogal de EspazoCoop, “formar parte da executiva de COCETA é mostra do bo traballo que se está a facer en Galicia desde EspazoCoop. Trátase de toda unha responsabilidade e unha oportunidade xa que esta designación vainos permitir abrir novas canles de comunicación con outras entidades e administracións”.

 

O pase de diapositivas require JavaScript.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.