O proxecto Cooperamos+ pechou con resultados positivos

A Unión de Cooperativas EspazoCoop en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña cerrou o proxecto COOPERAMOS+ da edición 2020 con datos positivos, tendo en conta o contexto pouco favorable e difícil pola crise xeral de pandemia sanitaria.

COOPERAMOS+, que formou parte do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación, supuxo un recurso de potenciación do cooperativismo para salvar emprego cooperativo e peche de empresas cooperativas na provincia da Coruña.

O programa englobou dúas actividades, por unha parte servizos dirixidos ao asesoramento no emprendemento cooperativo, que atendeu a 62 persoas dun total de 23 proxectos de emprendemento (47% mulleres e 53% homes). Con elo creáronse 11 cooperativas de traballo, o que supuxo 25 novos empregos a través da figura de socia traballadora (48% mulleres e  52% homes) . En conxunto prestáronse seiscentas horas de atención no servizo Cooperamos+ IMPULSO, a través de procesos que conlevan un itinerario integral e personalizado no que traballar a idea de negocio, a viabilidade técnica tanto económica como societaria e organizativa, e por último a tramitación da constitución da cooperativa.

Ao mesmo tempo, prestáronse servizos destinados á consolidación de cooperativas en funcionamento co fin de darlles apoio e mellorar a súa situación. O servizo Cooperamos+ ACOMPAÑAMENTO prestou oitocentas horas de atención para acompañar a 31 cooperativas. Mediante plans de traballo ad hoc con cada cooperativa, identificáronse as necesidades para traballar ámbitos da empresa que precisaban dunha análise e de implementación de melloras. O programa contribuiu ao mantemento de postos de traballo e á recuperación do tecido económico cooperativo da provincia da Coruña.

Citar que a Unión de Cooperativas EspazoCoop na súa laboura de prestación dos servizos especializados no proxecto COOPERAMOS+, traballou solucións con aplicacións dixitais propias, como: Canvas social, Consolida_ES, ou Colección de modelos de xestión, entre outros. E ademais, tamén contou con instrumentos financeiros éticos e de base cooperativa, como Fiare e Coop57 que están adaptados ás condicións particulares das empresas cooperativas.

Finalmente, é importante destacar que as cooperativas teñen amosado unha especial resistencia e capacidade de adaptación en contornos de crise; amosan que a súa organización democrática, gobernanza, principios e valores son factores que contribúen ao mantemento da actividade empresarial e dos postos de traballo. Pero aínda sendo resilientes tamén deben contar con procesos de acompañamento e asesoramento especializado para consolidarse.

Por elo, dende EspazoCoop celébrase que con programas como COOPERAMOS+ o cooperativismo siga crecendo e mellorando en tempos complicados e marcados pola pandemia da covid19, considerando que o apoio e a aposta das administracións públicas -como a Deputación Provincial da Coruña- é fundamental e imprescindible na promoción de modelos económicos máis xustos -como a economía social- do que as cooperativas forman parte e son o máximo exponente.



Nova relacionada: Cooperamos+ Potenciación do cooperativismo no marco do PEL da Deputación da Coruña

Folleto neste enlace | Cartel neste enlace

O pase de diapositivas require JavaScript.