O Concello de Santiago e EspazoCoop únense para impulsar o cooperativismo e a economía social
María Rozas, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude do Concello de Santiago de Compostela, e Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop, presentaron o martes 17 de setembro o programa Ecosistema Emprendedor na Economía Social 2024.
O Concello de Santiago de Compostela e a Unión de Cooperativas EspazoCoop únense novamente para impulsar o programa ‘Impulso dun Ecosistema Emprendedor na Economía Social 2024’, co obxectivo de fomentar o cooperativismo e apoiar o emprendemento na economía social na área de Compostela. Esta iniciativa reforza a colaboración que ambas as entidades veñen desenvolvendo nos últimos anos.
O programa ten como propósito crear unha contorna que favoreza o emprendemento cooperativo, apoiando tanto a persoas e colectivos interesados no modelo de economía social, como a cooperativas xa existentes no seu proceso de consolidación. A concelleira María Rozas explicou hoxe que o obxectivo é “mostrar as oportunidades que ofrecen a economía social, nomeadamente o cooperativismo, para o empoderamento das mulleres e o desenvolvemento de liderados femininos“. Pola súa banda, Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop, agradeceu ao Concello o seu compromiso co cooperativismo, salientando que “é importante que os Concellos desenvolvan políticas activas que permitan poñer en valor o cooperativismo para que se achege un maior público, mais tamén é importante falar e subliñar o traballo que levan a cabo as cooperativas”.
Obxectivos do Ecosistema Emprendedor na Economía Social
O Concello de Santiago de Compostela e EspazoCoop levan anos traballando en aumentar a incidencia do cooperativismo na área de Compostela, entre os obxectivos desta colaboración están:
- Impulsar un ecosistema emprendedor centrado no cooperativismo e a economía social en Santiago de Compostela.
- Formar e sensibilizar a persoas prescritoras de emprego e emprendemento sobre as características e vantaxes do modelo cooperativo.
- Promover e visibilizar os beneficios das cooperativas como xeradoras de emprego estable, acceso igualitario das mulleres a postos de responsabilidade e redución da brecha salarial.
- Dar a coñecer o emprendemento cooperativo a persoas en procura activa de emprego, grupos promotores de cooperativas e autónomos interesados en compartir recursos.
- Fomentar o consumo cooperativo e a visibilidade das cooperativas locais como empresas con valores éticos da economía social.
Accións do programa 2024
O acordo entre ambas dúas institucións contempla unha serie de actividades que se agrupan en catro liñas principais de acción:
- Formación especializada a través de 4 cursos en materia cooperativa, cun total de 20 horas formativas desenvoltos nos meses de xuño e xullo: Xestión de cooperativas: facturación e fiscal, Xestión laboral de cooperativas, Intercooperación: poñendo en valor a arte de cooperar, e Organización e xestión societaria de cooperativas.
- Xornada “Mulleres, líderes na economía social”: un encontro adicado ao liderado feminino en empresas de economía social, que terá lugar o 1 de outubro na Casa das Mulleres Xohana Torres.
- Roteiro Cooperativo: unha nova edición deste roteiro para visitar cooperativas locais, co obxectivo de visibilizar o seu impacto na comunidade e destacar o cooperativismo como un modelo empresarial viable. Realizaranse 4 edicións desta actividade os días 24, 25 (dúas quendas) e 30 de setembro.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
*Imaxe: vía web do Concello de Santiago