Inicia a actividade da FUNDACIÓN COOP57,  á vez que da campaña de captación de fondos para a mesma, mediante a recepción de doazóns, en primiero lugar entre a base social da cooperativa Coop57.

A Fundación Coop57 é unha ferramenta complementaria ao traballo de prestación de servizos financeiros éticos e solidarios que xa está a realizar a cooperativa Coop57e permite cubrir dous baleiros que ten actualmente a actividade de Coop57, segundo o seu Presidente Jordi Pujol Moix :

  • Articular un mecanismo de recollida de doazóns a través de achegas puntuais, achegas periódicas, a renuncia voluntaria á remuneración das achegas voluntarias dos socios e socias de Coop57, herdanzas, fondos de formación, promoción e educación cooperativa, convenios de colaboración con outras entidades, etc.
  • Articular un mecanismo complementario de apoio financeiro a iniciativas de economía social e solidaria con carácter transversal, que requiren instrumentos diferentes que os empréstitos que nesta altura ofrece Coop57 (achegas a fondo perdido con retorno social, avais ou garantías, acompañamento, bonificación de xuros, etc.)

A FUNDACIÓN COOP57 quere dar resposta a novos requirimentos que se expoñen a Coop57 e aos que dificilmente se pode responder desde a estrutura cooperativa e espérase que a Fundación poida ser un instrumento adecuado e complementario para desenvolver actividades financeiras no marco da economía social e solidaria.
Para poder levar a cabo estes obxectivos, é imprescindíbel dotar de fondos a Fundación, razón pola que inician esta campaña de captación de doazóns en favor da mesma.

A base social de Coop57, como sempre, deberá xogar un papel esencial na consecución desta tarefa. É por isto que, desde este momento, arríncase a campaña de captación de fondos. Os socios e as socias de Coop57 poderán realizar doazóns con cantidades concretas ou vinculalas á remuneración anual que se percibe nas achegas voluntarias feitas en Coop57. É dicir, renunciar a percibir os xuros xerados polas achegas feitas en Coop57 en favor da Fundación Coop57.
A campaña de captación de doazóns estará proximamente aberta a calquera persoa ou entidade en xeral, non só as socias e socias da cooperativa Coop57, aínda que se espera un especial protagonismo da súa base social. Ademais, hai establecidos:

 

Criterios éticos para a aceptación de doazóns (os criterios éticos da Fundación Coop57 para a recepción das doazóns)
Ámbitos de actuación (Ámbitos de actuación dos proxectos para apoiar por parte da Fundación Coop57)
Criterios de selección de proxectos (características a considerar para a selección de proxectos)
Liñas de apoio e financiamento (accións que podería levar a cabo a Fundación para a execución dos proxectos aprobados)

As doazóns destinaranse á promoción de iniciativas para desenvolver e fomentar un novo modelo económico dentro duns ámbitos de actuación concretos.

MÁIS INFORMACIÓN: fundacio@coop57.coop – Teléfono: 93 268 29 49