Galicia mantense como a segunda comunidade en creación de cooperativas

 

 

En EspazoCoop valoramos moi positivamente os datos oficiais de creación de cooperativas en Galicia durante o ano 2025, que sitúan de novo o noso país como a segunda comunidade autónoma do Estado con máis cooperativas constituídas.

Ao longo do ano creáronse en Galicia 187 novas cooperativas e incorporáronse 610 persoas socias iniciais aos proxectos cooperativos, o que converte tamén a Galicia na cuarta comunidade en número de persoas participantes nas novas iniciativas.

Para nós, estes datos confirman a consolidación do cooperativismo como fórmula de emprendemento colectivo, xeración de emprego e desenvolvemento territorial.

Das cooperativas creadas en 2025, 154 foron cooperativas de traballo asociado, é dicir, máis do 82% do total. Ademais, Pontevedra concentrou 107 novas cooperativas, preto do 57% da creación cooperativa galega.

Se ampliamos a mirada aos últimos tres anos, en Galicia constituíronse 518 cooperativas, das que 452 foron cooperativas de traballo asociado. Neste período xeráronse tamén 1.467 postos de traballo directos vinculados ás novas cooperativas.

A nosa presidenta, Ana Olveira Blanco, destaca que “Galicia leva varios anos situándose entre os territorios con maior creación de cooperativas e iso indica que cada vez máis persoas ven nesta fórmula unha opción viable para emprender e crear emprego”.

Tamén salienta o valor colectivo destes proxectos: “Detrás destas cifras hai proxectos compartidos, persoas que deciden emprender colectivamente e iniciativas con vontade de permanecer no territorio”.

Desde EspazoCoop seguimos vendo como moitas das novas cooperativas nacen xa cunha preocupación clara pola sustentabilidade, os coidados, a conciliación ou a fixación de poboación. Son proxectos empresariais conectados co territorio e cunha forma máis participativa de entender a economía.