O Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil celebra a súa 10ª edición.

O venres 26 de novembro a partir das 10 h. terá lugar o décimo Foro Intercomunitario de Investigación Xuvenil no Hotel Coia de Vigo ademais poderá seguirse en formato virtual a través da canle en Youtube (fai clik).

A iniciativa está promovida polo Colexio Plurilingüe Alborada (Claimo s. coop. galega de Vigo) e o Institut El Cairat de Barcelona, e colaboran na organización o Instituto Cultura Ciencia e Tecnoloxía (ICCT) e a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.

Contará coa participación de máis de 97 escolares de educación Secundaria e do último ciclo de primaria, pertencentes a 10 centros de ensino de Galicia e Cataluña, entre eles 4 cooperativas de ensino membros da Unión de Cooperativas EspazoCoop:

    • Colexio Plurilingüe Alborada – Claimo S. Coop. Galega | Vigo (Pontevedra)
    • Colexio Santiago Apóstol S. Coop. Galega | Soutomaior (Pontevedra)
    • Colexio Eduardo Pondal S. Coop. Galega | Cangas (Pontevedra)
    • Colexio Possumus S. Coop. Galega | Vigo (Pontevedra)

O Foro de investigación naceu pola iniciativa dos centros educativos, entre os que se atopan as cooperativas de ensino, na procura da promoción da investigación, o traballo en equipo, o intercambio, e a divulgación entre o alumnado para adquirir as competencias básicas e motivalo no estudo práctico das ciencias experimentais, humanísticas, lingüísticas, etc., ademais de divulgar esta experiencia á comunidade escolar e estimulala a que se sume a este tipo de actividades.

Que outros obxetivos ten?
– Potenciar a investigación do alumnado de secundaria e metodoloxías que promovan a análise, a creatividade e o inxeñio.
– Fomentar a investigación como metodoloxía.
– Impulsar a difusión do seus resultados e a comunicación da ciencia.
– Introducir dinámicas que potencien o interese pola ciencia en xeral.
– Propiciar o acercamento das diferentes comunidades autónomas e países e o fomento da convivencia entre mozos e mozas de diferentes lugares.

No concreto o Foro celébrase para divulgar Traballos de Investigación, estes traballos serán expostos mediante presentación co apoio tecnolóxico que precise o grupo de alumnas/os participante. A metodoloxía empregada para esta iniciativa promove que ao longo do curso escolar se traballe en equipos, baixo a dirección e acompañamento do profesorado dos centros. Neste Foro presentan os traballos realizados, con actitude crítica e opinións encontradas ao redor da investigación científica, exporán e transmitirán todo o proceso realizado e as problemáticas atopadas no mesmo. Traballan solidariamente nos equipos con compromiso e practicando a cooperación, fomentando este tipo de relacións e de traballo.

Cartel, 10ª edición, neste enlace

Programa do Foro
No Programa previsto pódese apreciar a variedade de ámbitos temáticos dos 28 Traballos de Investigación que se presentarán:

[ Esta iniciativa conta co patrocinio de: Glu-on]