Fiare Banca Ética na sede de EspazoCoop en Vigo

A entidade cooperativa Fiare Banca Ética aposta pola súa presenza en EspazoCoop de Vigo (Rúa Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5) co fin de mellorar a atención das socias da Unión e ao resto de entidades clientas.

 

A entidade bancaria de finanzas éticas Fiare Banca Ética está traballando para incrementar a súa presenza en Galicia onde xa ten unha persoa traballando na sede de EspazoCoop de Vigo (Rúa Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5), froito da colaboración establecida entre ambas entidades desde fai anos.

De feito, a Unión e Fiare asinaron un convenio de colaboración no ano 2020 que sentou as bases do acordo e que beneficia ás cooperativas socias de EspazoCoop mediante produtos de finanzas éticas cooperativas, descontos, liñas de financiamento e servizos en exclusividade para elas. Ademáis, este ano Fiare Banca Etica patrocinou o evento `Asemblea da Economía Social Galega´organizado por Foroesgal, Foro do que fai parte EspazoCoop.

Fiare ten unha longa experiencia no financiamento de entidades e empresas sociais e é unha ferramenta bancaria para avanzar cara a un modelo de sociedade máis xusto, sustentable e igualitario. Ofrece servizos bancarios cotiáns para entidades de alto valor engadido como son as cooperativas socias de EspazoCoop.

A súa misión é recuperar o valor social do diñeiro e traballar con organizacións que compartan os principios de cooperación, solidariedade e equidade, co fin de financiar proxectos relacionados coa economía social nas áreas de inserción social e laboral das persoas. Agroecoloxía, eficiencia enerxética, educación e cultura, cooperación internacional, comercio xusto, entre outros.

Nova oficina de EspazoCoop en Vigo

Recentemente EspazoCoop mudou a súa oficina de Vigo ao novo enderezo en Rúa Marqués de Valladares 14, 2º. Oficinas 4-5, coa intención de ofrecer unha mellor atención as cooperativas socias da Unión. Con esta incorporación física de Fiare na súa oficina, EspazoCoop quere reforzar os servizos que se ofrecen ás entidades que compoñen a Unión.