FEGAMP e EspazoCoop estudian liñas de colaboración e de recoñecemento do cooperativismo
O presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela, e Ana Olveira e Mar Pernas, presidenta e técnica de relacións institucionais respectivamente da Unión de Cooperativas EspazoCoop, mantiveron un encontro co fin de desenvolver actuacións de colaboración e recoñecemento do cooperativismo, como motor de desenvolvemento socioeconómico de Galicia.
Na reunión, as representantes da entidade do cooperativismo galego sinalaron a importancia deste ano para o cooperativismo, xa que a ONU declarou o ano 2025 como “Ano Internacional das Cooperativas” baixo o lema “As Cooperativas constrúen un mundo mellor”.
Dende EspazoCoop salientaron a importancia desta recoñecemento que motiva que estean desenvolvendo unha rolda de reunións coas principais institucións políticas e sociais de Galicia para que se sumen adheríndose á Declaración institucional de apoio ao recoñecemento do Ano Internacional das Cooperativas. De feito, están sumando apoios de distintas institucións como o Consello Económico e Social de Galicia (CES) e do Parlamento de Galicia, para a entidade representiva do cooperativismo galego.
Por iso tamén sería moi importante que a FEGAMP, como organización representante do municipalismo galego, se adherise a esta declaración a prol do cooperativismo, ademais de avaliar máis liñas de colaboración. Dende EspazoCoop destacaron que as cooperativas supoñen unha maneira diferente de facer empresa moi vencellada co eido local, dende un enfoque social e participativo.
O presidente da FEGAMP animou a EspazoCoop a achegar a declaración e as propostas de iniciativas a desenvolver para estudialas e poder confirmar o apoio da FEGAMP dende os seus órganos de dirección.