Fonte da nova: web Rede Eusumo

A Xunta anunciou a posta en marcha da 1ª Estratexia galega de Economía Social

A Xunta de Galicia, a través do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a posta en marcha da primeira Estratexia galega de economía social, que contará cun presuposto de 73 millóns de euros ata 2021. Trátase dunha iniciativa para crear novas oportunidades de negocio e de actividade económica en empresas que están enfocadas ás persoas e que contan cunha maior cohesión territorial e social. En concreto, esta estratexia está dirixida, principalmente, ás cooperativas, ás sociedades laborais, aos centros especiais de emprego e ás empresas de inserción laboral.

Segundo o documento da Estratexia, o obxectivo prioritario desta estratexia é incrementar nun 10 por cento as entidades de economía social, chegando ás 3.300; aumentar nun 20 por cento os empregos, ata 17.500, así como potenciar a presenza feminina nestas entidades.

Segundo este anuncio, impulsarán iniciativas como un programa de fomento da economía social entre o alumnado universitario e de formación profesional, a creación de cooperativas escolares entre os estudantes de Primaria e Secundaria para que coñezan este sector e os seus valores ou a aprobación de incentivos ao emprendemento para as empresas de nova creación baseadas na tecnoloxía e na economía colaborativa e circular. Ademais, reforzaranse as iniciativas de formación como os laboratorios cooperativos.

Por último, o presidente galego incidiu en que se fomentarán proxectos de innovación, facilitarase a internacionalización, buscaranse novos mecanismos de financiación, actualizarase o marco normativo e favorecerase o acceso á contratación pública.

Para completar información, pódese acceder ao contido da seguinte noticia relacionada a través desta ligazón:

http://www.finanzas.com/noticias/economia/20181205/xunta-pone-marcha-primera-3958587_age.html

Ademais, a través do seguinte documento pódese acceder á información máis detallada da estratexia e dos RETOS e ACCIÓNS a seguir:

Documento Estratexia galega de economía social