EspazoCoop participará no acto: Estratexia Galega de Economía Social. Resultados 2024 e Axenda para 2025
O próximo mércores 15 de xaneiro de 2025, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración presenta os resultados da Estratexia Galega de Economía Social, unha iniciativa que busca transformar o panorama económico e social da nosa Comunidade. Farao no Edificio CINC, da Cidade da Cultura.
José González, conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, será o encargado de inaugurar o acto, no que tamén intervirán Pablo Fernández, secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, para amosar os resultados acadados durante o 2024; e Marta Mariño, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, que presentará a axenda de traballo Economía Social 2025.
EspazoCoop participará nunha mesa coloquio
Ademais, haberá unha mesa coloquio na que se fará unha análise da economía social a través de diferentes perspectivas. Para iso, estarán presentes representantes das principais entidades do sector: Manuel Pérez, presidente do Consello Económico e Social de Galicia; Herminio Martínez, representante de Cegasal e presidente de Foroesgal; Carmen Rodríguez, representante de Agaca e vicepresidenta primeira de Foroesgal; Ana Olveira Blanco, presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop e vicepresidenta segunda de Foroesgal; Miguel Fernández, secretario da xunta directiva de Aeiga; e Eduardo J. Salido, representante de Aesgal e vocal de ForoESGal. (Descarga o programa)
Se che interesa asistir ao evento, podes inscribirte a través deste formulario.
Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027, en colaboración co sector da economía social
A Estratexia Galega de Economía Social é un plan ambicioso que aspira a crear 400 novas entidades e a xerar 3500 postos de traballo antes de que remate o 2027.
Entre os obxectivos principais da estratexia atópanse atraer e conservar o talento na rexión, impulsar a competitividade das entidades de economía social e reforzar a gobernanza e a comunicación no sector. Ademais, o Goberno galego busca conseguir que a metade das persoas promotoras sexan mulleres e que un de cada catro sexan mozos e mozas.
A Xunta, en colaboración co sector da economía social, mantén o seu compromiso de alcanzar as metas fixadas para 2027, coa visión de construír unha Galicia máis sostible e próspera para todos.
—
Leave A Comment