EspazoCoop participa na segunda edición de Cafés con Aroma a Economía Social

Neste encontro organizado por FOROESGAL, Foro pola Economía Social Galega, déronse cita representantes das empresas máis grandes da economía social galega xunto a representantes da Xunta de Galicia

No día de hoxe celebrouse en Santiago de Compostela a segunda edición de Cafés con aroma a economía social, o almorzo informativo organizado por FOROESGAL que naceu o ano pasado e que constitúe un dos foros de economía social máis importantes de Galicia. Estes encontros ten por obxectivo incrementar a identidade de empresas de economía social, ademais de analizar como os novos valores e principios poden formar parte das vantaxes competitivas e corporativas de cada empresa.

Neste encontro déronse cita algunhas das empresas máis grandes da economía social galega, ademais de representantes da Xunta de Galicia, administracións ou entidades como EspazoCoop, que forma parte de FOROESGAL.

A xornada comezou coas intervencións de Celso Gándara, Presidente de FOROESGAL, e Manuel Varela, Presidente de Caixa Rural Galega. A continuación tivo lugar o relatorio “Fondos de Recuperación: Economía circular e Comunidades  Enerxéticas” a cargo do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, un tema de máxima actualidade e repercusión.

Posteriormente, Tomàs Llompart i Coll, Codirector Xeral de Suara Cooperativa xunto a Laura Peracaula, impartiu o seu relatorio “Gobernanza e participación nos modelos de xestión corporativos”. Esta cooperativa de iniciativa social e sen ánimo de lucro ten case 40 anos de experiencia acumulada no sector da atención ás persoas, dando resposta á  globalidad do ciclo vital das persoas. Con máis de 4.000 profesionais, xestiona un amplo abano de servizos e equipamentos, desenvolvendo a súa actividade nos ámbitos de servizos sociais, atención á dependencia, infancia e familias, benestar e saúde, terceira idade, educación e formación, e emprego e traballo, entre outros.

A clausura desta segunda edición de Cafés con aroma a economía social correu a cargo de Covadonga Toca Carús, Directora Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, quen salientou o papel como motor da economía social en Galicia, cun PIB que ascende a case o 7 % da comunidade.

Estes encontros son moi importantes para o tecido social cooperativo xa que permiten facer negocios ou simplemente intercambiar impresións. As relacións humanas baséanse xeralmente nun diálogo aberto e vivo a hora de coñecer  ou compartir  experiencias, que a veces resulta máis enriquecedor cando as persoas proceden de distintos sectores aínda que todas teñan unha identidade común, a economía social.