EspazoCoop participa na entrega dos Premios PEL da Deputación da Coruña

A Unión de Cooperativas EspazoCoop participou o mércores 27 de xullo na Gala de entrega dos Premios PEL no Teatro Jofre de Ferrol, unha iniciativa da Deputación da Coruña que este ano contou coa presentación de 62 candidaturas nas súas 3 categorías.

O mércores 27 de xullo celebrouse no Teatro Jofre de Ferrol a Gala de entrega da V edición dos premios PEL, unha iniciativa da Deputación da Coruña na que premia as mellores iniciativas empresariais da provincia da Coruña. Nesta edición a Unión de Cooperativas EspazoCoop participou como convidada xa que presentou unha candidatura mais non resultou gañadora.

En representación de EspazoCoop asistiron Pilar Lozano Yáñez, vogal do Consello Reitor e Mar Pernas Márquez, responsable de Relacións Institucionais, quen acudiron ao acto que contou coa presenza do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o Alcalde de Ferrol, Ángel Mato Escalona, ademais de José Ramón Rioboo, Deputado da área de Emprego da Deputación e outros membros da corporación do Concello de Ferrol, e representantes do tecido empresarial da provincia.

A Deputación convocou este premio por quinto ano consecutivo dentro das accións do Plan de Emprego Local (PEL), co obxectivo de recoñecer o traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, autónomos e autónomas, asociacións e agrupacións industriais empresariais comprometidos co desenvolvemento económico da provincia nun ano especialmente duro para o noso tecido empresarial.

62 candidaturas nesta V edición

Diversa Technologies, Infonet e Compostela Monumental foron as entidades gañadoras dos Premios PEL deste ano. En total 49 empresas e 13 asociacións da provincia presentáronse ás tres categorías coas que contan os galardóns PEL: Mellor Iniciativa Empresarial Nova, dirixida a autónomos e empresas da provincia constituídas nas anualidades 2022 ou 2021; Mellor Iniciativa Empresarial Consolidada, dirixida a autónomos e empresas da provincia constituídas na anualidade 2017 ou con anterioridade; e Mellor Asociación Empresarial, cuxa finalidade é valorizar o labor das asociacións de empresarios e agrupacións industriais á hora de fortalecer o tecido empresarial.

O xurado, presidido polo presidente da Confederación de Empresarios da Coruña (CEC), Antonio Fontenla Ramil, contou con especialistas de diferentes ámbitos relacionados co mundo da empresa e representantes de asociacións e outras organizacións de empresarios e empresarias con presenza nos concellos coruñeses, como José Manuel Cotos Yáñez, profesor titular da Universidade de Santiago de Compostela; Antonio García Lorenzo, Catedrático de Escola Universitaria na UDC e membro do Grupo de Investigación Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento; Rosa Mary Cardeso Trillo, secretaria da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela; Romyna Fraga Lesta, técnica da Cámara de Comercio da Coruña e Jacobo Penide Quintela, representante de Bionix Supplychain Technologies, S.L., empresa gañadora da IV edición dos premios PEL.

Os membros do xurado avaliaron as candidaturas presentadas, seguindo criterios de orixinalidade da idea de negocio, o grao de innovación, o compromiso social e as medidas de responsabilidade social implantadas pola empresa, así como os servizos prestados polas asociacións e agrupacións industriais empresariais, entre outros.