EspazoCoop no Día da Economía Social Galega
Nesta xornada participaron representantes de institucións galegas e doutras comunidades ademais dunha salientable representación do sector en Galicia
Este mércores 2 de novembro tivo lugar en Santiago de Compostela a celebración do Día da Economía Social Galega, unha xornada que contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia xunto a institucións doutras comunidades ademais dunha salientable representación do sector en Galicia entre na que tamén estivo EspazoCoop. Xunto ao Consello Reitor da Unión tamén asistiu unha representación do seu equipo técnico.
Esta xornada foi unha oportunidade para coñecer singularidades e o traballo que outras administracións autonómicas están a desenvolver nos seus territorios. Ademais, tamén serviu para coñecer algúns dos retos aos que se enfrontará a economía social nos vindeiros meses, no marco dunha delicada situación económica no que pode ser unha importante aliada para mellorar a vida de milleiros de persoas en Galicia, xa que estamos comprobando como as entidades da economía social e as empresas cooperativas en particular están máis preparadas para afrontar estes riscos económicos.
As institucións participantes salientaron á economía social como motor da economía, e os seus valores democráticos e principios cooperativos como elementos fundamentais para o tecido económico e social. Como exemplo disto, unha anécdota comentada por Juan Garibi, responsable comercial e de desenvolvemento estratéxico de Fiare Banca Ética: nunha xuntanza para aumentar o crédito dunha entidade, o “poli malo” pediu un argumento para ese aumento e o “poli bo”, representado por Garibi, simplemente contestou, “é unha cooperativa”. O “malo” non considerou isto un argumento de peso e a resposta de Garibi foi “non entendiches nada”.
Ata agora foron moitas as institucións ou entidades que non entenderon nada… E neste intre ven como o cooperativismo e a economía social non só presentan unha maior resiliencia fronte ás crises económicas, senon que os seus valores son considerados o camiño a seguir desde a economía tradicional e capitalista.
Nesta ligazón pódese consultar o Programa dos actos do Día da Economía Social Galega.