EspazoCoop lanza a segunda Campaña SOMOS COOP poñendo en valor o impacto das cooperativas
A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, lanza a segunda campaña Somos Coop, unha iniciativa destinada a visibilizar e poñer en valor o cooperativismo en Galicia. A campaña terá iuna duración de tres meses e busca fomentar o orgullo cooperativo e resaltar o impacto positivo deste modelo empresarial na sociedade galega.
Obxectivo da campaña
A campaña lánzase baixo a mensaxe “Somos Coop, somos Top!” e ten como fin principal destacar os valores das cooperativas e o seu papel na construción dun modelo económico sostible e responsable. Ademais de dar a coñecer o traballo que realizan as cooperativas, esta iniciativa tamén pretende implicar ás cooperativas socias e a outras entidades, animándoas a sumarse e compartir o orgullo de formar parte do movemento cooperativo.
Entre os valores que se promoverán ao longo da campaña destacan:
- Igualdade
- Sustentabilidade
- Transparencia
- Responsabilidade social
- Apoio á comunidade
A campaña Somos Coop tamén busca fortalecer o sentimento de pertenza das cooperativas ao movemento cooperativista, que agrupa máis de 1.000 millóns de persoas no mundo e xera máis emprego que as grandes multinacionais. Este movemento global, que aposta pola sustentabilidade e a igualdade, é unha alternativa sólida para emprendedores que buscan poñer en marcha proxectos rexidos por principios de cooperación, democracia e responsabilidade social.
Recursos e ferramentas para as cooperativas
A campaña inclúe a distribución de recursos promocionais físicos e dixitais para facilitar a participación das cooperativas. EspazoCoop facilitará un vinilo co logotipo “Somos Coop” ás cooperativas galegas, un distintivo que poderán colocar nos seus centros de traballo para identificarse como parte deste movemento. Ademais, disporán dun kit de creatividades dixitais para o seu uso nas redes sociais, co obxectivo de que cada cooperativa poida personalizar a súa mensaxe e sumarse á campaña colectiva.
Implicación das cooperativas socias
As cooperativas socias tamén terán un papel protagonista nesta campaña, xa que serán incluídas en vídeos, fotos e enquisas que destacarán o seu labor diario. Estas accións, difundidas a través das redes sociais, buscan fortalecer a imaxe das cooperativas e promover un consumo responsable entre a cidadanía.
Apoio institucional
Esta campaña enmárcase na programación da Rede Eusumo, un proxecto impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Igualdade da Xunta de Galicia para promover o cooperativismo e a economía social. O censo de cooperativas aumenta cada ano, tamén foi así na época da pandemia, de feito, na actualidade Galicia conta con preto de 2.000 cooperativas rexistradas, que xogan un papel clave no desenvolvemento social e económico da comunidade.
Como seguir a campaña Somos Coop, somos Top!
A campaña poderá seguirse a través das redes sociais da Unión de Cooperativas EspazoCoop: facebook, instagram, x, e youtube.
—
*Foto: Isidro de Catro Ventos S. Coop. Galega, Judit de Miudiño S. Coop. Galega e Sara de 13 Grados S. Coop. Galega
—
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.