EspazoCoop impulsa o emprendemento cooperativo a través de EspazoCoop Emprende

 

 

A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop recibirá máis de medio millón de euros da Unión Europea a través do Fondo Social Europeo+ no período 2023-2029 para a creación de novas cooperativas.

O 29 de maio en Santiago de Compostela celebrouse o acto de presentación de EspazoCoop Emprende, unha iniciativa destinada a fomentar o emprendemento cooperativo en Galicia desenvolta pola Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop. O evento, que tivo lugar no Hotel Porta do Camiño e que contou coa participación de Pablo Fernández López, Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Migración e Isabel Rueda Cuerva, Coordinadora da Área de Fondos Comunitarios de CEPES, reuniu a cooperativas, representantes de polos de emprendemento, viveiros de empresas e emprendedores, co obxectivo de fortalecer o tecido cooperativo na rexión.

No marco do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESO), a Confederación Empresarial Española da Economía Social (CEPES) adxudicou á Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop máis de medio millón de euros da Unión Europea a traves do Fondo Social Europeo+ no período 2023-2029 para a promoción do cooperativismo en Galicia. Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop, destacou a importancia desta iniciativa para dinamizar a economía local a través do cooperativismo. “EspazoCoop Emprende é un paso crucial para fortalecer a nosa economía, promovendo a colaboración e a sustentabilidade en Galicia. Cremos que mediante este proxecto iniciamos unha nova etapa para aquelas persoas que queren emprender a través do cooperativismo en Galicia, impulsando a innovación e o crecemento sostible”, afirmou Olveira.

Pola súa banda, Isabel Rueda Cuerva, Coordinadora da área de Fondos Comunitarios de CEPES, salientou o apoio dos fondos comunitarios neste tipo de proxectos. “que facilita o acompañamento ao longo prazo nesta iniciativa e que supón un impulso á economía social para que as empresas poidan medrar”, sinalou.

Lucía Mendoza, Directora Xerente de EspazoCoop, subliñou o papel de EspazoCoop como catalizador do emprendemento cooperativo en Galicia. “O noso obxectivo é ofrecer as ferramentas e o apoio necesarios para que as cooperativas poidan prosperar e contribuír ao desenvolvemento. Nestes primeiros meses de posta en marcha de EspazoCoop Emprende xa creáronse novas cooperativas e novos postos de traballo”, dixo Mendoza.

Persoas destinatarias e resultados

Nestes primeiros meses de posta en marcha de EspazoCoop Emprende xa atendeu a persoas interesadas en emprender en cooperativa, algunhas delas en situación de desemprego, un dos principais grupos de persoas destinatarias do programa. O obxectivo final é atender a preto de medio milleiro de persoas e xerar prero de 200 postos de traballo.

Esta presentación rematou cunha mesa redonda na que participaron Nave de Lata S. Coop. Galega, Arreda S. Coop. Galega e 15Cero11 S. Coop. Galega, cooperativas que forman parte de EspazoCoop Emprende e doutros programas de fomento do emprendemento cooperativo da Unión, quen acercaron os beneficios de participar nestes programas e a importancia de poder contar co apoio de EspazoCoop.

O acto concluíu coa clausura institucional a cargo de Pablo Fernández López, Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Migración. “que EspazoCoop poida desenvolver este proxecto on fondos europeos é de celebrar e congratulámonos por isto. Galicia ten un ecosistema empresarial moi rico cun gran potenial e que nos permitirá chegar moi lonxe”, destacou Fernández López.

Máis información en: https://espazo.coop/emprende/

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas EspazoCoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

Programa ÉFESO

EspazoCoop Emprende conta con financiamento do Fondo Social Europeo Plus para o período 2021-2027, a través do organismo intermedio CEPES, no marco do Programa de Emprego, Formación, Educación e Economía Social (EFESO). Esta iniciativa ten como obxectivo aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de autoemprego colectivo creadas baixo fórmulas de economía social, así como sentar as bases para a súa supervivencia, a través de servizos de apoio e asesoramento ao emprendemento.