Xuntanza entre EspazoCoop e o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración para analizar o estado do cooperativismo en Galicia

Representantes da Unión mantiveron unha xuntanza de traballo con José González Vázquez, novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

Representantes do Consello Reitor e do equipo técnico da Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop, mantiveron na mañá do 21 de maio un encontro con con José González Vázquez, novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, para tratar diversos temas relevantes para as cooperativas de EspazoCoop e o movemento cooperativo na comunidade.

Desde EspazoCoop expúxose a necesidade que presenta o cooperativismo de actualizar a Lei de Cooperativas vixente en Galicia, para que estea na liña de crecemento do sector dos últimos anos. De feito, Galicia está a romper récords de creación de cooperativas, sendo a comunidade cun maior crecemento no estado. “Con presenza en todos os sectores, o cooperativismo está medrando e asentándose como fórmula de empresarial de éxito e de creación de emprego estable e de calidade en Galicia”, sinalan desde EspazoCoop.

Como axente representativo do sector, a Unión ofreceuse a colaborar na reforma desta Lei ao coñecer de primeira man as principais necesidades e demandas que presenta o cooperativismo galego. Entre estas cuestións, a burocracia e a redución dos trámites e procedementos para a creación de cooperativas son algúns dos puntos máis importantes que demanda o cooperativismo galego, equiparando os procesos aos da constitución das empresas tradicionais.

Ademais, a Unión tamén aproveitou este encontro para salientar a importancia do desenvolvemento da Segunda Estratexia de Economía Social presentada no pasado mes de xaneiro xa que “a través desta ferramenta favorécese o ecosistema que incentiva a creación de novas entidades e consolida as xa existentes”.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.