EspazoCoop e Fiare Banca Ética renovan a súa colaboración para apoiar o cooperativismo

A Unión de Cooperativas EspazoCoop e Fiare Banca Ética renovan o convenio de colaboración que veñen mantendo dende hai cinco anos.

O convenio posibilitará o apoio financeiro ás cooperativas socias de EspazoCoop a través de produtos de finanzas éticas con condicións especiais.

As socias da Unión mediante a actualización deste acordo asinado o pasado 19 de febreiro, terán a posibilidade de acceder a financiamento adaptado ao sector cooperativo. A sinatura do convenio realizada en Santiago de Compostela entre o Director comercial e de estratexia de Fiare, Juan Garibi, e a Presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira Blanco, promoverá o uso de produtos e servizos con condicións especiais para as cooperativas da Unión: contas de crédito para pagos, anticipos de facturas e subvencións, préstamos para investimentos, ou préstamos hipotecarios.

Fiare Banca Ética ademais, conta cunha liña especial Economía Social, con préstamos persoais, hipotecarios, préstamos enerxía, préstamos sostibilidade, e conta corrente redes alidadas entre outros produtos incluídos nesta liña.

Fiare Banca Ética  é unha entidade bancaria de finanzas éticas, ofrece servizos bancarios cotiáns para entidades de alto valor engadido. Ten unha longa experiencia no financiamento de entidades e empresas sociais, é unha ferramenta bancaria que contribúe no avance cara a un modelo de sociedade máis xusto, sustentable e igualitario.

A súa misión é recuperar o valor social do diñeiro e traballar con organizacións que compartan os principios de cooperación, solidariedade e equidade, co fin de financiar proxectos relacionados coa economía social nas áreas de inserción social e laboral das persoas, agroecoloxía, eficiencia enerxética, educación e cultura, cooperación internacional, comercio xusto, entre outros.

Para máis información contacta con EspazoCoop:

Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop

981 57 55 78 – info@espazo.coop