EspazoCoop e a Deputación da Coruña impulsan un ecosistema de emprendemento en cooperativa na súa Rede Coworking
A Unión de Cooperativas EspazoCoop e a Deputación Provincial de A Coruña, no marco do seu convenio de colaboración do ano 2024, dinamizaron a Rede de Espazos de Traballo da Deputación para xerar un ecosistema favorable á economía social e ao emprendemento en réxime de cooperativa.
A Deputación da Coruña conta con 11 Coworkings nos que se promove e acompaña ás persoas promotoras de proxectos de emprendemento, ao tempo que ofrece recursos para a consolidación dos mesmos, neste contexto, EspazoCoop realizou contactos e entrevistas co persoal técnico para dinamizar un traballo colaborativo e de coñecemento das potencialidades do cooperativismo, destinado a fomentar e difundir esta fórmula de emprendemento para que sexa tida en conta nos procesos de asesoramento, e se conte con recursos e apoios para dar soporte ás demandas das usuarias.
As visitas e entrevistas realizadas serviron para avaliar o grao de coñecemento do modelo cooperativo, detectar eivas para fomentalo, e identificar necesidades, tanto para as prestadoras do servizo nos Coworkings como para as súas usuarias. Este traballo colaborativo senta as bases para a creación do ecosistema de emprendemento en cooperativa para o territorio, e a medio prazo poderá derivar en novas accións e programas de sensibilización sobre cooperativismo ou mesmo de asesoramento para grupos de emprendemento que elixan a fórmula cooperativa na provincia da Coruña.
A rede de axentes de desenvolvemento local desta intervención a prol do cooperativismo convértense en potenciais prescritores do modelo cooperativo, e están nos centros de:
- Coworking Pazo de Arenaza | Oleiros
- LAB-Barbanza | Boiro
- Daquí Darredor | Brión
- Espazo A Proa | Ames
- Centro Comarcal Desenvolvemento Rural A Fusquenlla | Moeche
- Coworking A Capela | A Capela
- Centro de Emprendemento A Estación | Vedra
- Green Coworking | As Pontes
- Coworking A Pobra | A Pobra do Caramiñal
- Coworking Dixital Compostela | Santiago de Compostela
- A Casa do Pescador | Miño
O pasado ano 2024 creáronse en Galicia 190 cooperativas, das que 42 son da provincia da Coruña, unha fórmula empresarial con características propias, cunha xestión democrática, que fomenta a participación, a co-gobernanza e a igualdade, para persoas con proxectos de emprendemento en colectivo que buscan un modelo alternativo de xestión baseado na centralidade das persoas.
*Esta iniciativa realizouse co apoio da Deputación da Coruña, no marco do convenio de colaboración entre a Unión de Cooperativas EspazoCoop e a Deputación da Coruña do ano 2024.
Leave A Comment