EspazoCoop destaca o impulso do cooperativismo en Galicia no encontro con José Ramón Gómez Besteiro
Representantes de EspazoCoop, a Unión de Cooperativas de Galicia, reuníronse con José Ramón Gómez Besteiro, Secretario Xeral do Partido dos Socialistas de Galicia-PSOE, para abordar a situación e o potencial do cooperativismo en Galicia. Durante o encontro, Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop destacou o Ano Internacional das Cooperativas, que se celebrará no 2025, como unha oportunidade única para dar visibilidade e recoñecemento ao modelo cooperativo na sociedade galega e no conxunto do Estado.
Ana Olveira subliñou que o emprendemento cooperativo en Galicia está a vivir unha etapa de crecemento e consolidación, especialmente no sector das cooperativas de traballo asociado. “Galicia ocupa un lugar destacado a nivel estatal na creación de cooperativas de traballo e na xeración de emprego, reflexo dunha tendencia positiva que coincide co fortalecemento do ecosistema de apoio ao cooperativismo a través de iniciativas como a estratexia de economía social e os cambios lexislativos, así como o nacemento de EspazoCoop“, explicou a presidenta.
Ademais, destacou o papel das cooperativas como empresas comprometidas con valores e propósito, que buscan xerar impacto positivo no seu contorno. “Moitas destas cooperativas están situadas no rural, onde contribúen á fixación da poboación e ao desenvolvemento económico destas zonas. Tamén é importante subliñar que as cooperativas presentan modelos de negocio que achegan valor ao noso país, como os sectores de apoio empresarial e cultural”, engadiu.
Nos últimos anos, o cooperativismo galego experimentou un importante impulso cara á consolidación, situando a algunhas destas entidades entre as máis relevantes no ámbito da economía social en España. EspazoCoop tamén se destacou no seu papel como entidade representativa, non só defendendo os intereses do sector, senón tamén ofrecendo acompañamento ao 25% dos novos emprendementos cooperativos. Durante o último ano, EspazoCoop apoiou a consolidación de preto de 50 cooperativas, demostrando o seu compromiso co desenvolvemento dun sector económico e socialmente sostible en Galicia. Por isto, Ana Olveira concluíu facendo un chamamento a continuar co apoio ás cooperativas galegas e ao fomento de políticas que reforcen a súa presenza e relevancia no tecido económico galego.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Leave A Comment