EspazoCoop colabora un ano máis coa Xunta de Galicia no programa ES Mentoring

A Unión de Cooperativas EspazoCoop vai colaborar un ano máis coa Consellería de Promoción de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia no programa ES Mentoring Acompañando á Economía Social.

ES-Mentoring é un programa de acompañamento e asesoramento dirixido a empresas da economía social con necesidades específicas, que están nun momento de crise, nun proceso de cambio, transformación, ou innovación, entre outras, e están interesadas en recibir orientación de persoas expertas e empresas da economía social consolidadas.

ES-Mentoring comezou en 2022, sendo executado por Agaca e EspazoCoop, logrou conformar unha rede de preto de 100 persoas mentoras que atenderon 60 mentorías de cooperativas e empresas da economía social galega. O programa aspira a consolidarse, aumentar a rede de mentoras e os recursos destinados ano a ano.

Este ano 2024, o servizo que realizará EspazoCoop para ES-Mentoring contempla os seguintes traballos:

  • Crear o catálogo da rede de persoas mentoras na economía social que prestan asesoramento e acompañamento especializado para a mellora das entidades da economía social.
  • Avaliar as mentorías realizadas no programa dos anos 2022 e 2023, co fin de medir a efectividade do resultado e o impacto, en termos de mellora nas áreas abordadas, no dito proceso, que redundará na incorporación de melloras nas seguintes edicións de ES Mentoring.
  • Celebrar un encontro de networking entre as mentoras e as entidades mentorizadas neste programa, co fin de incrementar un coñecemento mutuo que serva de elemento facilitador do encaixe da demanda das mentorías e a oferta de mentorización, dito encontro está previsto que se celebre no último trimestre de 2024.

Para máis información de ES Mentoring pode consultarse a web específica do programa: www.es-mentoring.gal

*Imaxe: Sesión de mentoría – Programa ES Mentoring edición 2023