EspazoCoop asiste ás Asembleas da Unión Española de Cooperativas de Ensino e da FedAces
Celebración das Asembleas Xerais Extraordinarias da Unión Española de Cooperativas de Ensino (UECo.E.) e da Federación Española de Centros de Ensino da Economía Social (FedAces)
A Unión de Cooperativas EspazoCoop, a través do seu vicepresidente e responsable da sectorial de ensino, Miguel Filgueira Touriño, participou nas Asembleas de UECoE e FedAces esta semana en San Sebastián.
A Unión Española de Cooperativas de Ensino (UECoE) e a Federación Española de Centros de Ensino da Economía Social (FedAces) celebrou o 15 de novembro de 2023, as súas respectivas Asembleas xerais extraordinarias no Palacio de Congresos e Auditorio Kursaal de San Sebastián, coincidindo cos actos de celebración da Conferencia Europea da Economía Social no marco de San Sebastián Capital da Economía Social 2023.
Tras a disolución do seu Consello Reitor e Xunta Directiva, respectivamente, e posterior acto de renovación dos conselleiros, constituíronse as correspondentes mesas electorais, para elixir os cargos de presidencia, vicepresidencia, secretaría e tesoureiría de cada unha das organizacións.
Reelixido como presidente Javier Martínez Cuaresma
Presentada a candidatura á presidencia tanto da Federación como da Unión por parte de Javier Martínez Coresma, realizado o voto e posterior reconto, resultou ser elixida por unanimidade dos votos, sendo a composición da Xunta Directiva de FedAces e do Consello Reitor de UECoE a seguinte, presidente Ángel Javier Martínez Cuaresma, vicepresidente Francisco Javier Olabarria Furundarena, secretario Vicente Fiol Ojanguren e tesoureiro Ángel Gómez García. Indicar que Ángel Javier Martínez Coresma, é tamén vicepresidente da Unión de Cooperativas de Ensino de T.A. de Madrid – UCETAM e Francisco Javier Olabarria Furundarena é presidente do Consello Superior de Cooperativas de Euskadi e vicepresidente de KONFEKOOP.
Javier Martínez Cuaresma manifestou o seu agradecemento a todas as organizacións asociadas polo apoio demostrado nos seus catro anos de presidencia e a confianza posta nel para esta nova andaina, expresando que agora, máis que nunca, é o momento das Cooperativas de Ensino: a terceira vía no servizo público educativo. Tempos para fomentar a súa singularidade diferenciadora como empresas cuns principios moi significativos. As cooperativas de ensino han de contribuír a un mundo mellor; os seus proxectos educativos teñen que achegar á sociedade, ás novas xeracións que se incorporarán pronto como adultos, os seus valores e principios cooperativos de autogestión, democracia e solidariedade, promovendo o diálogo, a tolerancia ante a pluralidade e o respecto á liberdade de expresión, reforzando a súa aposta pola educación inclusiva e profundando na Axenda 2030 e o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, que xa veñen traballando pois está nos seus xenes. O motivo que dá vida ás cooperativas de ensino é a iniciativa colectiva dun grupo de persoas para responder conxuntamente a un interese educativo común, creando para iso unha empresa de propiedade conxunta e xestión democrática.
Finalizou asumindo o desafío de reforzar os piares sobre os que creceron as organizacións –pluralidade, independencia e consenso– e reforzar a misión esencial de UECOE e FedAces que non é outra que ser útil ás federacións e traballar para mellorar.
Sobre UECoE
UECoE é a entidade representativa en España das cooperativas de ensino e dos centros educativos de economía social, e é a súa misión construír un proxecto pedagóxico xunto ao proxecto empresarial que cre e manteña emprego de calidade entre os seus socios e traballadores, desde unha reflexión innovadora que achega solucións concretas á educación.
UECoE constitúese como único ente representativo no ámbito estatal dos centros de ensino cuxa fórmula xurídica é a Sociedade Cooperativa de Ensino. Constituída en 1989, actualmente agrupa a case 600 Cooperativas de Ensino e Centros Educativos de Economía Social, distribuídas por todo o territorio español, pertencendo a estas uns 15.399 socios traballadores cooperativistas e uns 12.714 traballadores contratados nas cooperativas e nos centros educativos de Economía Social, cunha facturación aproximada de 725 millóns de euros, e agrupando a máis de 284.000 alumnos e 180.000 familias.