DÍA DO COOPERATIVISMO GALEGO

‘RECONSTRUÍR, MELLOR XUNTAS’

O cooperativismo galego celebra o seu día nas instalacións da cooperativa Aira en Taboada nun acto promovido pola Consellería de Emprego e Igualdade, o sábado 3 de xullo, que tamén se retransmitirá en directo polas redes da canle Eusumo.

Os Premios á Cooperación 2021 recoñecen ás cooperativas Cenlitrosmetrocadrado, Catroventos Editora e a Campo da Capela.

A gala estará conducida pola presentadora e xornalista Patricia Santana e contará coas actuacións da compañía escénica Artesacía e do trío musical Fransy, Davide e Cibrán.

‘Recontruír, mellor xuntos’ é o lema internacional escollido para a celebración do Día Internacional do Cooperativismo que ten lugar cada ano durante o primeiro sábado do mes de xullo. O cooperativismo galego súmase unha vez máis á consigna internacional que poñendo o foco na saída á crise sanitaria nos di que para a recuperación é necesaria a cooperación. Seguindo coa tradición de celebrar este día nas instalacións dunha cooperativa diferente cada ano, desta volta o cooperativismo galego reunirase en Aira, en Taboada nun acto que se celebra o vindeiro 3 de xullo a partir das 12 da mañá e que se poderá seguir en directo polas redes da canle Eusumo.

A Consellería de Emprego e Igualdade celebrará o Día do Cooperativismo Galego nunha gala na que fará entrega dos premios á cooperación convocados anualmente. Nesta ocasión o estudio Cenlitrosmetrocadrado recibirá o Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo novo; a editora Catroventos o Premio aos valores cooperativos e Campo da Capela o Premio á traxectoria cooperativa.

Durante o acto tamén se fará entrega dos premios a Proxectos Empresariais Cooperativos do Certame Cooperativismo no Ensino 2021 na modalidade para centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia e que neste ano recoñeceron co primeiro premio ao Instituto Manuel Antonio de Vigo e co premio accésit á Sociedade Cooperativa Mendiño tamén en Vigo.

A gala do Día do Cooperativismo Galego estará conducida por Patricia Santana, xornalista limiá que dende o 2018 co-presenta o programa Luar xunto a Xosé Ramón Gayoso cada venres na Televisión de Galicia. O humor virá da man da youtuber e blogueira rural ‘Chola’ unha personaxe creada pola compañía Artesacía e interpretada pola actriz Laura Villaverde. Ao remate do acto ofrecerán concerto Fransy, Davide e Cibrán, un dos proxectos dunha das voces máis recoñecidas da tradición galega, Davide Salvado.

Por motivos de seguridade sanitaria o número de persoas en presencial está limitado, polo que se ofrece un punto de encontro virtual. Os enlaces nos que se poderá seguir a celebración do Día do Cooperativismo Galego 2021 son:
  • Youtube:

[Fonte: web Eusumo]