Daveiga promove un programa no rural para fomentar a economía social, a innovación e a sustentabilidade

 

  • Daveiga impulsa un programa co que persegue amosar oportunidades de incorporación ao mundo laboral a través da economía social, aproveitando o que ofrece o contorno máis próximo no ámbito rural.
  • Porá en marcha un programa formativo a partir do mes de outubro, en colaboración coa Unión de Cooperativas EspazoCoop, Aesgal, Semente Ribeira Sacra, e a USC.

O próximo 7 de outubro arranca o Programa de Fomento da Economía Social, a Innovación e o Desenvolvemento Sustentable na Galiza Rural 2019-2020, a programación inicia no IES 12 de Outubro de Ourense e se extenderá ata finais de novembro en varios centros de ensino medio e na universidade nas localidades de Monforte de Lemos, Ourense, Chantada e Lalín. Serán un total de 10 centros os beneficiarios deste Programa.

A formación prevista consta de 10 Seminarios de Introducción á Economía Social e 5 Obradoiros Aprender a Emprender no Rural dende a Economía Social destinados ao alumnado de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e a participantes en Mestrados de formación universitaria. Son varios os obxetivos que guían este proxecto na Galicia rural, entre eles están espertar o interese polo autoemprego e a iniciativa empresarial colectiva a través de novas empresas de economía social, e tamén:

  • Interiorizar os principios e conductas da economía social.
  • Dar a coñecer ferramentas de planificación e xestión, especialmente para empresas cooperativas e sociedades laborais.
  • Dinamizar o autoemprego colectivo no rural.
  • E promover a investigación, o desenvolvemento rural e a economía circular.

Pero o proxecto vai máis alá, despois da etapa de formación, porase en marcha un Concurso de Ideas Empresariais para o Rural para incentivar proxectos empresariais do alumnado partindo dun modelo de empresa da economía social e da súa implantación no medio rural galego. O prazo de presentación rematará o 30 de xuño de 2020, e a idea é que poidan traballar o seu proxecto de autoemprego colectivo ao longo do curso académico co apoio do profesorado do centro.

A primeira edición do Programa finalizará coa xornada de Novas Oportunidades de Emprego na Galiza Rural: Economía Social, Innovación e Desenvolvemento Sustentable, na que se comunicarán os resultados do Concurso e abordará as novas oportunidades xeradoras de emprego.

A colaboración da Unión de Cooperativas EspazoCoop no Programa pasará pola impartición de formación en Seminarios e Obradoiros, e a participación como Xurado do Concurso de Ideas Empresariais no Rural.

Folleto informativo, fai clic : Programa de Fomento da Economía Social, a Innovación eo Desenvolvemento Sustentable na Galiza Rural 2019-2020 

Daveiga producen as Galletas Mariñeiras, son unha sociedade laboral -empresa de economía social- que incorpora e aposta polo concepto de ‘produción responsable’ nos ámbitos da Calidade, e Seguridade Alimentaria; a Economía social; o Compromiso co Medio Ambiente e o Desenvolvemento Local; e o Prezo Xusto.