Comezan ás bolsas de xerencia “Talento Cooperativo” en catro cooperativas de EspazoCoop

EspazoCoop ven de iniciar en 4 cooperativas a súa 12ª edición do programa bolsas de xerencia en cooperativas galegas. “TALENTO COOPERATIVO” arranca nos centros de traballo das empresas seleccionadas trala incorporación do persoal técnico de apoio en cada cooperativa, que nesta convocatoria son as nosas socias: Miudiño, A Talangreira do Beque, Simbiosis, e COFEPA.

 

MIUDIÑO S. Coop. Galega | Servizos de intervención en patios escolares, promoción cultural, fabricación de xoguetes, editorial e educación non formal | Vigo

A TALANGREIRA DO BEQUE S. Coop. Galega |Complexo deportivo. Servizos de bar, albergue, alugueiro de pistas deportivas e organización de actividades e eventos nas instalacións do Beque en Moaña. | Moaña

SIMBIOSIS S. Coop. Galega | Simbiosis presta servizos profesionais integrais ás empresas do sector de alimentación e comercialización de produtos ecolóxicos, entre outros formación | A Coruña

COFEPA S. Coop. Galega | Autoescola cooperativa en Ferrol e Narón. Profesionais con ampla experiencia na formación viaria baseada na seguridade e na confianza. Permisos e licenzas de condución, CAP para transporte de mercadorías e viaxeiros, ADR, cursos de técnicas de condución, cursos de carretilleiro, etc. Cofepa conta xa con 50 anos de traxectoria| Ferrol

Contar cunha persoa bolseira ata o meses de maio de 2025, vai permitir que estas 4 socias de EspazoCoop podan analizar, deseñar, planificar e implementar accións de mellora na xestión da cooperativa, tamén, co apoio externo de EspazoCoop, en coordinación coa cooperativa, adaptándose ás súas necesidades.

Potenciar as cooperativas a través da función xerencial

O programa de bolsas de EspazoCoop chegou ata o momento a máis de 100 beneficiarias directas (entre cooperativas e bolseiras) que recibiron apoio e acompañamento no marco deste programa e viron fortalecidas as súas competencias de xestión. O programa ven conectando cooperativas que precisan mellorar na función xerencial e persoas con formación empresarial dende hai máis de quince anos, para acadar un impacto na consolidación da cooperativa.

O programa está estruturado para incorporar nas cooperativas a persoas con formación empresarial que realizarán prácticas para dar apoio e mellorar a xerencia durante medio ano. As bolseiras contan cunha axuda mensual para desenvolver o seu labor e participan activamente nas actividades formativas, de titoría, e de seguimento que propón EspazoCoop e que fan parte do programa.

Capacítase ás bolseiras para adquirir a dimensión social e democrática que singulariza ás empresas cooperativas, máis tamén, acompáñase ás socias das cooperativas para que melloren as súas competencias de función xerencial, polo que experimentan unha aprendizaxe mutua interesante para a evolución empresarial.

Do paso polo programa resultarán Plans de Mellora e unha valiosa aprendizaxe para xestionar mellor, cun firme propósito de EspazoCoop por contribuír a fortalecer ás cooperativas e mellorar na xestión e na función xerencial, en definitiva, facer cooperativas máis solventes, que salven as crises, manteñan o emprego, e acaden unha mellor posición no mercado.

EspazoCoop pode financiar o custo deste programa, grazas ás convocatorias públicas ás que se presenta do goberno autonómico e estatal para a promoción do cooperativismo, así como polo apoio de institucións europeas. Esta acción é de carácter gratuíto para as cooperativas que resultan seleccionadas e beneficiarias. De feito, dótase dunha axuda económica mensual ás bolseiras pola realización da práctica nas empresas cooperativas.

Pronto contaremos os avances e os traballos realizados coas cooperativas do programa, que poderán explicarnos en primeira persoa a súas experiencias e como contribúe a súa mellora.

O pase de diapositivas require JavaScript.


Novas relacionadas

Se queres saber máis, preme nos enlaces das convocatorias 2024:

  • Consolídate e mellora a túa empresa de economía social, AQUÍ
  • Talento Cooperativo convocatoria da selección de persoas para as bolsas de EspazoCoop, AQUÍ

*Programa creado e convocado por: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.

*Esta iniciativa conta co apoio dos programas:

– Programa 2024-2025 da Rede Eusumo. Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.

– Proxecto 0259_ES_Factory_1_E que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España – Portugal 2021-2027.