Ana Olveira, presidenta de EspazoCoop, entre as mulleres líderes da Economía Social do Ministerio de Traballo

 

Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, foi designada como muller lideresa da economía social polo Ministerio de Traballo, a única representante galega

O 2 de xuño tivo lugar un encontro en Madrid das 26 mulleres que compoñen o grupo Mulleres Líderes da Economía Social

Co obxectivo de coñecer e poñer en valor a importancia do papel da muller na economía social, o Ministerio de Traballo e Economía Social creou o grupo Mulleres Líderes da Economía Social, entre as que se atopa Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop. É a única representante galega deste grupo de 26 mulleres de 11 comunidades autónomas.

Todas estas mulleres son representativas da Economía Social e das súas principais formas xurídicas: cooperativas, sociedades laborais, fundacións ou empresas de inserción, ademais de representantes do mundo universitario e das entidades representativas da Economía Social a nivel español e europeo.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “é unha honra representar as mulleres galegas da economía social neste relevante grupo creado polo Ministerio de Traballo. As mulleres galegas teñen unha gran experiencia na economía social, cun percorrido de décadas neste modelo económico”.

Encontro do grupo de Mulleres Líderes da Economía Social

Precisamente, no o día 2 de xuño tivo lugar en Madrid un encontro destas mulleres no que participou Yolanda Díaz, Vicepresidenta segunda do Gobierno e Ministra de Traballo e Economía Social. Este acto é unha continuación da primeira xuntanza de traballo deste grupo de mulleres líderes que tivo lugar no mes de marzo e no que foi presentado o informe da OCDE sobre igualdade entre mulleres e homes na Economía Social.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

 

*NP do Ministerio de Traballo e Economía Social: Yolanda Díaz “Las mujeres son mayoría en la Economía Social, avanzar en igualdad efectiva es una cuestión de justicia” >>  neste enlace