A Deputación da Coruña apoia ás cooperativas da provincia afectadas pola crise da Covid-19 financiando o programa Cooperamos+ de EspazoCoop
11 de Febreiro de 2021
González Formoso destaca que o proxecto, enmarcado no PEL, ten como obxectivo reactivar e garantir a actividade e o mantemento do emprego nas pequenas cooperativas da provincia da Coruña. O ente provincial achegará a través do acordo de colaboración coa unión de cooperativas 47.000 euros, o 80% do custo da iniciativa.
A Deputación da Coruña apoia con 47.070 euros á Unión de Cooperativas EspazoCoop para o financiamento do programa “Cooperamos+”, que busca impulsar ás cooperativas da provincia afectadas pola crise da covid-19.
O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira Blanco, e o deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asinaron hoxe o convenio de colaboración que se enmarca dentro das accións do Plan de Emprego Local (PEL) da Deputación.
Ambas entidades buscan a través da iniciativa dar apoio ás cooperativas afectadas pola crise derivada da pandemia e impulsar o cooperativismo, en especial nos sectores máis afectados pola actual situación sanitaria. Así mesmo, a iniciativa serve de ferramenta para impulsar as alternativas laborais a través do asesoramento e acompañamento para a posta en marcha de novos proxectos, analizando a súa viabilidade técnica, económica e organizativa. “Cooperamos+” tamén pretende dar respostas eficaces para facilitar o acceso ao emprendemento por parte de colectivos con especiais dificultades.
O programa de asesoramento dará servizo a entre 20 e 80 cooperativas en funcionamento ubicadas no ámbiro rural ou periurbano da provincia da Coruña, mentres que a de impulso do cooperativismo prestará apoio a 15 proxectos de emprendemento colectivo focalizados en colectivos con especiais dificultades coma persoas en risco de exclusión ou desempregadas por mor da crise.
Manter actividade e emprego nas cooperativas
“Nestes momentos de crise, as cooperativas amosáronnos que teñen unha especial capacidade de resistencia e adaptación”, considera González Formoso. “Por iso é de gran interese para a provincia potenciar o cooperativismo, e en concreto o de traballo asociado, para reactivar e garantir, na medida do posible, a actividade e o mantemento do emprego nas pequenas cooperativas da Coruña, maioritariamente microempresas, cuxa situación se viu afectada pola pandemia”, conclúe.
Pola súa banda, a presidenta de EspazoCoop, Ana Olveira, explicou que a maior parte das cooperativas asociadas pertencen aos sectores culturais e de servizos e que o cooperativismo supón unha aposta polo emprego estable e de calidade nun tempo de crise económica coma o actual.
A Deputación achega a través deste convenio 47.040 dos 58.800 euros que custa o proxecto, supoñendo esta aportación o 80% do custo total do programa.