2 de xullo: a celebración das cooperativas

Coincidindo co Día Internacional das Cooperativas o día 2 de xullo celébrase o Día do Cooperativismo Galego baixo o lema “As cooperativas constrúen un mundo mellor”, escollido pola Alianza Cooperativa Internacional (ACI) e a Organización das Nacións Unidas 

 

Este 2 de xullo celebramos o Día do Cooperativismo Galego en Santiago de Compostela e contamos cunha gran representación de EspazoCoop, tanto das súas cooperativas socias como do Consello Rector. Vernos de forma física e celebrar un ano máis este día despois da pandemia é motivo de ledicia, e máis cando o modelo cooperativo ten unha maior presenza na sociedade e na economía.

De feito, non é casualidade que polas necesidades que deixa a pandemia, moitas das referencias que se fan ao modelo cooperativo son derivadas da súa potencialidade na construción dun mundo mellor. Está no lema escollido pola ACI e ONU e semella claro que o noso modelo de traballo, os nosos valores e a nosa aposta pola economía social son principios fundamentais para reconstruir o tecido social e económico.

Na celebración deste Día do Cooperativismo Galego entregáronse os Premios á Cooperación 2022, e este ano recoñecéronse a dúas cooperativas socias de EspazoCoop: Aventeira de Fene e 13 Grados de Vigo, ademais da cooperativa Agroflor. Desde a Unión queremos enviar os nosos parabéns ás cooperativas premiadas xunto ás gañadoras dos Premios do Certame Cooperativismo no Ensino 2022.

Homenaxe a Olga Amoedo

Ademais, neste Día do Cooperativismo Galego foi recoñecida de xeito póstumo a nosa querida e estimada Olga Amoedo, cooperativista e profesora na escola cooperativa Colexio Alborada de Vigo durante toda unha vida profesional. A súa persoa é un referente do cooperativismo en Galicia xa que foi sempre moi activa no movemento cooperativo, exercendo cargos de representación, como a presidencia na Unión de Cooperativas de Ensino de Galicia (Ucetag), e no consello da Federación de Cooperativas Sinerxia, antes da fusión destas entidades na actual EspazoCoop.

O pase de diapositivas require JavaScript.