Recoñécense ás cooperativas no acceso ás axudas de igualdade laboral
Abriu o prazo para presentarse ás axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial: neste enlace, e atención, porque nesta convocatoria atendéronse algunhas das propostas que se trasladaron dende a Unión de Cooperativas EspazoCoop para evitar a exclusión das cooperativas de traballo asociado e as cooperativas sen ánimo de lucro.
Queremos informar de cales son e poñer en valor as tarefas de representación levadas pola Unión de Cooperativas en defensa dos intereses das cooperativas galegas. Serían estas:
- Recoñécense ás persoas socias traballadoras cotizantes no réxime xeral, para o cómputo de persoas traballadoras que dan acceso á axuda. Establécese que : “O disposto nesta orde respecto do persoal traballador enténdese aplicable tanto ás persoas traballadoras por conta allea como ás persoas socias traballadoras das cooperativas de traballo asociado sempre que estean no réxime xeral da Seguridade Social”.
- No caso das cooperativas sen ánimo de lucro, elimínase a exclusión para as empresas sen ánimo de lucro.
Informar que dende EspazoCoop solicitouse o recoñecemento, independentemente do réxime, e seguiremos a trasladar esta solicitude, na procura dun trato igualitario, independentemente do réxime de cotización elixido pola cooperativa.
Trasladamos o agradecemento á Dirección Xeral de Relacións Laborais e á Subdirección xeral de Relacións Laborais (Carlos Gómez), a través do cal se fixo a proposta e solicitamos unha reunión proximamente coa D.X. de Relacións Laborais, Elena Mancha, para tratar esta cuestión así como garantir o recoñecemento das cooperativas para que os requisitos de procedemento non sexan unha nova dificultade. Na mesma trataremos tamén a problemática existente co recoñecemento e rexistro de Plans de igualdade de cooperativas, situación que afecta a todo o estado e que se está traballando xunto con Coceta e o resto de organizacións territoriais.