Aberta a inscrición para a segunda edición do programa Responsabilízate
Na primeira edición participaron 130 empresas, e agora, aquelas pemes e autónomas interesadas en dar un valor engadido á súa xestión a través da RSE xa poden participar na nova convocatoria do programa.
A Secretaría Xeral de Emprego, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, acaba de abrir o prazo de inscrición para participar na segunda edición do Programa Responsabilízate, mediante o que se prestan servizos de tutela para implantación da responsabilidade social empresarial no tecido empresarial galego e ofrecerlles un valor engadido.
O obxectivo é incorporar na estratexia de negocio das empresas prácticas de bo goberno voluntarias -no ámbito laboral, social, ambiental e económico-, así como unha xestión ética e sustentable.
Ábrese esta nova convocatoria tras concluír a primeira edición, na que unhas 130 empresas das catro provincias galegas melloraron a súa xestión tras formarse e definir o seu primeiro plan de RSE.
Requisitos
Tal e como se establece nas bases reguladoras, poderán presentar a súa solicitude as pequenas e medianas empresas (pemes) e autónomos con polo menos unha persoa traballadora por conta allea ao seu cargo, e domicilio social en Galicia ou algún centro de traballo na comunidade.
Para formar parte desta segunda edición de Responsabilízate deberán solicitar a súa participación de forma obrigatoria a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
A selección das empresas participantes farase por orde de entrada no Rexistro da Secretaría Xeral de Emprego e o prazo para recepción de solicitudes permanecerá aberto ata alcanzar o máximo número de prazas segundo a dispoñibilidade orzamentaria desta convocatoria.
Tres fases
O programa Responsabilízate inclúe os seguintes servizos:
- Diagnose do estado e potencial de RSE, para o cal se empregará a plataforma XUNTA PRO-RSE.
- Programa de formación na materia.
- Definición dun plan de RSE específico e axuda na implantación das primeiras acción do mesmo.
Bases reguladoras 2ª edición Responsabilízate (DOG) >>
Coñece as empresas da 1ª edición de Responsabilízate. Le as entrevistas >>
Fonte: https://rse.xunta.gal/