III Premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030, do Concello de Santiago
No ámbito da promoción económica, a Xunta de Goberno do Concello de Santiago de Compostela deu luz verde ás bases reguladoras e á convocatoria dos III Premios a excelencia empresarial Axenda Urbana 2030, por un valor de 60.000 euros.
Aprobáronse as bases reguladoras e convocatoria para este ano da III Edición dos Premios á excelencia empresarial Axenda Urbana 2030 do Concello de Santiago, que contan cun orzamento de 60.000 euros divididos, en sete premios de 5.000 euros e unha serie de mencións, un destes premios é específico ás Boas prácticas de empresas de economía social, polo que as cooperativas poden optar a el.
O seu obxectivo é premiar as empresas que se distinguisen polas boas prácticas no campo da conciliación laboral e familiar, economía circular, innovación, comercialización en produtos e servizos culturais, retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e, tamén, das boas prácticas de empresas de economía social.
Estas distincións están dirixidas a todas as empresas que teñan a súa sede social fiscal e, cando menos, un centro de actividade no Concello de Santiago de Compostela, baixo calquera forma xurídica admitida en dereito, e sexa cal sexa o seu campo de actividade. Establécense as seguintes categorías:
- Boas prácticas en materia de conciliación.
- Boas prácticas en materia de economía circular.
- Boas prácticas en materia de innovación e ciencia aplicadas ao modelo de negocio.
- Boas prácticas en innovación, en comercialización de produtos e servizos culturais.
- Boas prácticas de empresas de economía social.
- Boas prácticas que identifican estratexias que apostan por atraer, reter ou mellorar o talento.
- Boas prácticas aliñadas cos retos da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e os ODS da Axenda 2030.
Este ano, como novidade, terase en conta como criterio de valoración a aplicación da perspectiva de xénero e da igualdade nas propostas presentadas.
As empresas candidatas ao premio presentarán un formulario de solicitude e unha memoria para cada unha das categorías ás que concorran. O prazo de presentación de solicitudes abranguerá o período dende o día seguinte ao da publicación do extracto das bases no BOP de A Coruña e ata o día 1 de outubro de 2024 ás 23.59 horas.
Bases reguladoras da convocatoria: Extracto | Bases
*Fonte da nova: vía web do Concello de Santiago de Compostela.
*Imaxe: Premios á excelencia empresarial Axenda 2030 (2023), vía web do Concello de Santiago de Compostela.