I Congreso Galicia é ESS
Recoñecendo a economía social e solidaria
Os días 24 e 25 de outubro celébrase o 1º Congreso de Economía Social e Solidaria en Galicia, impulsado por REAS Galicia e financiado pola Rede Eusumo. Este Congreso quere ser un espazo de encontro entre diferentes axentes, entidades, colectivos, movementos sociais e persoas vinculadas e con interese en coñecer, debater e reflexionar sobre a Economía Social e Solidaria na nosa comunidade.
“Recoñecer a Economía Social e Solidaria” é o fío condutor desta edición, recoñecernos a nós mesmas para que outras nos recoñezan como axente clave de transformación. Para iso, queremos afondar na nosa identidade, fortalecer o noso sentido de pertenza e reforzar os nosos vínculos, divulgando o noso valor diferencial a través de proxectos referenciais de novos sectores innovadores e específicos.
Todo isto, para fomentar a reflexión e o debate sobre o papel que estamos a xogar e que podemos xogar desde a Economía Social e Solidaria (ESS) en Galicia, cara a un modelo de desenvolvemento sostible e responsable que pon a vida no centro, e promover a xeración colectiva de alternativas e novas propostas de futuro para o noso territorio en clave de ESS en sectores como agroalimentación, alimentación sostible, industrias culturais, transición enerxética, vivenda ou coidados.
Inscrición: neste enlace
Programa: Congreso Galicia é ESS