A Aceleradora ES-CONECTA lanza unha nova convocatoria coordinada pola USC

No marco do Proxecto LACES (Laboratorios de Apoio á Creación de Emprego e Empresas de Economía Social) ábrese a 2ª convocatoria da aceleradora ES-CONECTA.

  • Ten por obxetivo desenvolver proxectos de economía social, o prazo de presentación de solicitudes finaliza o 25 de marzo de 2019 
  • Realizarase unha primeira selección de 20 ideas empresariais, que participarán no DemoDay o 10 de abril en Santiago
  • A aceleradora ES-CONECTA da USC está dirixida a persoas ou empresas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) lanza unha nova convocatoria de ES-CONECTA, unha aceleradora de economía social de tres meses de duración. O Grupo de Investigación de Valoración Financeira Aplicada é o promotor desta aceleradora de economía social.

Inicialmente, vaise realizar unha primeira selección de 20 ideas empresariais, que participarán no DemoDay, o 10 de abril na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela. Desa xornada, sairán os 15 proxectos que finalmente participarán na aceleradora de ES-CONECTA.

O programa, de alto rendemento, vai dirixido ás persoas ou empresas da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal que queiran desenvolver un proxecto de economía social.

Durante o desenvolvemento da aceleradora, os emprendedores e emprendedoras estarán baixo a supervisión dun equipo de especialistas e recibirán formación, titorización, mentorización e o apoio no acceso a financiamento externo. As actividades desenvolveranse en Santiago de Compostela.

Todas as accións da aceleradora están encamiñadas a reducir os tempos de posta en marcha e consolidación de proxectos empresariais de economía social, o que garante súa viabilidade e minimiza os riscos inherentes aos devanditos procesos.

Os principais obxectivos da aceleradora ES-CONECTA da USC son fomentar o emprendemento no sector da economía social e formar ás persoas que queiran poñer en marcha unha idea empresarial.

Para realizar a inscrición a esta aceleradora hai que cubrir o formulario que se atopa na seguinte enlace, preme aquí

[ A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop é entidade socia do Proxecto Laces e anima ás cooperativas socias a presentarse a esta convocatoria, que ten o carácter de recurso gratuíto para as beneficiarias ]