Xuntanza entre a Deputación da Coruña e EspazoCoop que impulsan o cooperativismo na provincia

Ambas as dúas entidades levan 4 anos colaborando polo desenvolvemento da economía social e o cooperativismo.

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambente, Emprego e Política Demográfica da Deputación a Coruña, Rosa Ana García e a presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, Ana Olveira, mantiveron o martes 20 de febreiro, unha xuntanza de traballo para analizar e facer balance das actividades desenvolvidas nos últimos anos de maneira conxunta polas ambas dúas entidades.

A Deputación da Coruña e EspazoCoop levan colaborando catro anos co obxectivo de fomentar o traballo e función das cooperativas, ademais de promover a economía social. Neste tempo leváronse a cabo diferentes tipos de actividades como itinerarios de emprendemento, consolidación e xornadas técnicas nas que participaron máis de 1.000 persoas e preto de 100 entidades da economía social.

Os principais obxectivos desta colaboración son divulgar e difundir as posibilidades que ofrecen as fórmulas de economía social, nomeadamente o cooperativismo, para a xeración de emprego, ademais de xerar novos postos de traballo de calidade vencellados á economía social e máis concretamente ao cooperativismo, explorando as posibilidades que ofrecen as novas liñas e sectores de actividade. Tamén se busca garantir a reactivación e supervivencia da actividade e mantemento de emprego das pequenas cooperativas da provincia da Coruña, servindo de apoio ás entidades locais para o fomento do tecido económico e empresarial.

A deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica da Deputación da Coruña, Rosa Ana García, sinalou a importancia do cooperativismo en Galicia, “que medra cada ano, creando emprego ligado ao territorio, especialmente no mundo rural” e subliñou que “a economía socal representa o 7% do PIB galego e sostén 17.000 empregos na nosa comunidade, polo que é importante que prestemos a nosa atención e apoio desde as administracións”.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “os convenios asinados coa Deputación axudan a crecer e consolidar o tecido cooperativo na provincia sobre todo nos concellos rurais onde as actividades teñen un maior impacto. Non só executamos accións na cidade da Coruña, outros concellos como Sada, Boiro, Ordes, Melide, Oleiros e Ortigueira tamén foron escenario de diferentes iniciativas”.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.