Vídeos “As Cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”

 

 

Están dispoñibles o Vídeo resumo e o Vídeo completo do acto de visibilización do cooperativismo galego realizado a finais do pasado ano no Museo do Pobo Galego.

As organizacións máis representativas do movemento cooperativo en Galicia, a Asociacion Galega de Cooperativas Agroalimentarias e a Unión de Cooperativas EspazoCoop celebraban un acto conxunto o 4 de Novembro de 2021 en Santiago de Compostela.

Coa participación de representantes do sector e de institucións gubernamentais galegas e europeas quedou de manifesto o seu apoio á economía cooperativa, servindo ademais o acto para facer pública unha Declaración das entidades Agaca e EspazoCoop, a chamada Declaración de Santiago de Compostela “As Cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”, un acordo de ambas entidades que pon en valor este modelo empresarial na comunidade e solicita á administración unha serie de demandas do sector cooperativo que quedan identificadas.

A ‘Declaración de Santiago de Compostela 2021’ é unha declaración de principios, compromisos e demandas que foi asinada polas presidentas de Agaca, Carmen Rodríguez, e EspazoCoop, Ana Olveira, que pecharon o acto coas súas intervencións.

Destacar que, antes da sinatura da Declaración, interviron María Canal, Conselleira Económica da Comisión Europea en España. Seguidamente participaron as presidencias de varias Confederacións de Cooperativas estatais: Ángel Villafranca (Confederación de cooperativas Agroalimentarias), Luis Miguel Jurado (Confederación de cooperativas de traballo asociado -Coceta-), e Javier Martínez (Unión española de cooperativas de ensino -Uecoe-). Ademais contouse coa presenza e intervención de María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

A Declaración de Santiago de Compostela 2021

“As cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa” incide no peso do cooperativismo en Galicia, formado por 1500 cooperativas activas cun constante e progresivo crecemento, incrementado nos anos de crise económica e con grande capacidade de adaptación ao entorno e con implantación en todos os sectores económicos e actividades sociais, culturais, asistenciais e humanistas.

Co documento Agaca e EspazoCoop efectúan once solicitudes ás institucións e entidades públicas e privadas. Entre elas, afirman a necesidade de:

  • Impulsar ás cooperativas mediante políticas públicas.
  • Desenvolver novos marcos legais, plans e estratexias.
  • Asegurar un soporte financeiro axeitado.
  • Incrementar o compromiso coas cooperativas, e reforzar o seu recoñecemento como axente esencial para a recuperación.
  • Recoñecer ás cooperativas como ferramenta fundamental para salvagardar a sostibilidade económica do sector primario e afrontar retos medioambientais, de acceso á dixitalización e de despoboamento das zonas rurais de Galicia.
  • Facilitar as súas integracións para acadar unha maior dimensión.
  • Apostar por un modelo económico máis transparente onde a trazabilidade da cadea alimentaria permita equilibrio entre produción e venda, e propiciar un ecosistema produtivo que atraia á mocidade ao sector primario.
  • Promover o desenvolvemento e xestión participativa de actividades nas políticas e proxectos relacionadas coa internacionalización e a cooperación internacional para o cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Comisión Europea.

Para acceder á Declaración completa, fai clic en: Declaración de Santiago

—–

Agaca, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias, ten por finalidade canalizar todas as propostas das cooperativas socias nos foros correspondentes, de tal xeito que se sintan representadas e defendidas. Exerce a súa actividade a nivel autonómico, estatal e internacional, en tódolos contextos nos que se dirimen intereses do cooperativismo agroalimentario. Fomentan o diálogo e a intercooperación entre os sectores, a tódolos niveis.
EspazoCoop, a Unión de Cooperativas Galegas,  é unha asociación de carácter empresarial, multisectorial, e sen ánimo de lucro, que actúa en Galicia. Integra a cooperativas galegas de distintos tipos (traballo asociado, ensino, consumo, servizos …), e inspírase nos principios e valores do movemento cooperativo e da economía social e solidaria. A Unión, fai parte do movemento cooperativo galego, é entidade de referencia na comunidade, e isto permite que esté nas organizacións estatais e internacionais, onde representa ás cooperativas e potencia o cooperativismo. Ten vocación de influír na sociedade e de contribuír aos cambios sociais, defendendo que as cooperativas son un modelo óptimo para o desenvolvemento socioeconómico dos territorios e para realizar tanto proxectos profesionais como doutro tipo. EspazoCoop colabora e traballa para consolidar a economía cooperativa, a que pon no centro ás persoas, a democracia, a participación, a colaboración, o desenvolvemento sostible e a responsabilidade social.
Ámbalas dúas organizacións fan parte do Foro pola Economía Social Galega.