Un útil para emprender e consolidar cooperativas: Consolida_ES

 

O servizo -especializado e gratuíto- de orientación e acompañamento na creación de cooperativas de EspazoCoop conta cun recurso online de axuda a grupos de emprendemento, aínda que tamén serve a cooperativas activas que precisan mellorar e afianzarse.

O útil -denominado Consolida_es- contribúe a madurar e deseñar o proxecto empresarial, de cara a analizar e garantir a súa viabilidade económica e societaria, antes da súa posta en funcionamento. Está enfocado para proxectos que vaian a constituírse coa fórmula xurídica de cooperativa, ou doutros modelos do sector da economía social.

Unha das virtudes deste útil é a súa adaptación a modelos de empresa cooperativos, contempla o seu especial marco de funcionamento empresarial, como organizacións democráticas, participativas e autoxestionadas que son nas que as persoas teñen un papel central, no que asumen funcións e roles como socias. Consolida_es ten en conta e respeta os principios cooperativos.

Nos momentos de crise o cooperativismo e a economía social crecen, e os servizos de apoio para constituír novas cooperativas facilitamos esta evolución. O último Informe sobre a Economía Social Galega (Cecoop, 2020) extráense datos significativos para as sociedades cooperativas:

  • Creáronse 109 cooperativas.
  • O número de socias fundadoras de cooperativas foi de 611 persoas.
  • Constátase o protagonismo da cidade de Vigo e a súa comarca no que se refire á creación de sociedades cooperativas, con algo máis do 42 % das novas sociedades creadas en 2019. Así como das provincias de Pontevedra e A Coruña.
  • Segundo datos do Rexistro Galego de Cooperativas hai 1.390 cooperativas activas en Galicia.

Máis de 100 usuarias rexistradas no último ano

Consolida_es actualmente conta con máis de 100 usuarias rexistradas na plataforma web, as cales teñen empregado esta ferramenta para elaborar o plan de empresa ou o plan de mellora.

A maior parte son cooperativas, unhas necesitan estudar como mellorar e reforzarse como empresa, e outras están en fase pre-cooperativa, analizan de forma autónoma a viabilidade do seu proxecto de autoemprego cooperativo.

Esta aplicación ademais facilita a preparación de documentos técnicos e información que solicitan as administracións públicas para acceder a axudas e subvencións destinadas a empresas ou ao emprendemento cooperativo.

Consolida_es conta con 3 tipos de aplicacións web para dar solucións nas fases de maduración, creación e consolidación.
1| Plan de empresa + Canvas
2| Plan de mellora
3| Responsabilidade social
Link á plataforma: https://consolidaes.com/Inicio.php

Participando na programación formativa que a Unión de Cooperativas EspazoCoop oferta cada mes pódese aprender a usar este recurso web e aproveitar as súas potencialidade para cada necesidade.

O Servizo de Emprendemento Cooperativo da Unión presta a súa orientación en todo o ámbito galego, e conta con sede física en Vigo, Coruña e Santiago de Compostela. É un referente no acompañamento de proxectos cooperativos, dende a información inicial ata o plan de viabilidade, pasando por liñas de financiamento, trámites de constitución, formación e axudas.

Respecto aos datos 2020 do Servizo de Emprendemento Cooperativo en EspazoCoop, atendéronse 95 proxectos (209 persoas) e constituíronse 22 empresas cooperativas (que supón 55 empregos cooperativos creados).

SERVIZO DE EMPRENDEMENTO COOPERATIVO
Unión de Cooperativas EspazoCoop
981 57 55 78 – info@espazo.coopwww.espazo.coop

[ Consolida_es elaborouse no período 2019-2020 dentro do proxecto europeo LACES: laboratorios de apoio á creación de emprego e empresas de economía social, que persegue fomentar a economía social na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal, como fórmula solidaria e colaborativa, favorecendo a creación de empresas e postos de traballo de calidade no espazo transfronteirizo. Entidade responsable da plataforma Consolida_es: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop ]