O pasado 16 de setembro celebrouse, no Centro Municipal de Emprego e Formación, o acto de clausura do programa Coruña Emprega II, financiado polo FSE. Ugacota forma parte activa da Rede Coruña Emprega dende o ano 2012.

Co gallo da clausura, o alcalde da Coruña agradeceu a participación ás 24 entidades integrantes da Rede Coruña Emprega e o Pacto Local polo Emprego e aproveitou para anunciar que o equipo de goberno presentará a semana próxima o novo Plan Municipal de Emprego. Nesta nova etapa que se abre, búscase potenciar tanto a creación de emprego como a calidade do mesmo, potenciando sectores innovadores, apostando polas tecnoloxías e buscando nichos de mercado na economía social.

Ugacota fai unha valoración positiva da súa participación neste proxecto, que materializou a presenza do cooperativismo na mesma e a visibilización da fórmula. Amais, contribuíu á difusión das actividades da Unión e a chegar a un maior número de persoas a través das derivacións feitas dende as demais entidades integrantes da Rede Coruña Emprega.