Preséntase na Coruña unha nova Mostra de Economía de Social POP UP
A iniciativa -impulsada por EspazoCoop- forma parte do proxecto europeo LACES, co que se pretende fomentar a economía social na Eurorrexión
Galiza-Norte de Portugal
A Coruña, 25 de outubro de 2019. Hoxe venres foi presentado o programa da Mostra de Economía Social que se vai celebrar no Mercado de San Agustín os días
7, 8 e 9 de novembro e que dinamiza a Unión de Cooperativas EspazoCoop.
O acto de presentación realizouse no local da cooperativa D-Raíz e contou coa participación de Tino Gago, de EspazoCoop -entidade organizadora-, quen
presentou a mostra. En representación do Concello da Coruña asistiu Emilio Lesta Casal, director da Área de Innovación, Emprego, Turismo e Comercio do
concello, que fixo fincapé na aposta que a actual corporación fai pola economía social e o comercio de proximidade. Por último, interviron dúas das cooperativas
que asistirán á Mostra: D-Raíz e Laboratorio escénico, que falaron dos seus proxectos e da súa vinculación coa economía social.
A mostra contará coa participación de 13 proxectos empresariais da Economía Social en fase de creación e consolidación que exporán os seus produtos e/ou
servizos para ter unha experiencia real de venda que lles permita adquirir unha aprendizaxe coa que perfeccionar o seu modelo de negocio.
O horario de apertura ao público será de 10.00 a 14.30 horas e de 17.30 a 19.30 horas. A inauguración institucional do evento está prevista para o xoves día 7,
ás 10.15 horas, e contará con representación da Subdirección Xeral de Economía Social da Xunta de Galicia e da Unión de Cooperativas EspazoCoop. Nese mesmo
día, ás 11.00 horas, serán presentadas as Axendas LACES de Economía Social dos sectores TIC, Turismo e Servizos Sociais.
Dentro da programación do evento están previstas sesións de presentación das 13 cooperativas participantes nos Coñécenos; haberá Faladoiros sobre a economía
social; organizaranse actividades en diferentes Obradoiros; exhibirase unha demostración de danza On, da man de Alba Fernández Cotelo; e está prevista
unha degustación de produtos da economía social para o sábado 9 á 13.30 horas acompañada da música de Petit Swing.
Por outra parte, as entidades participantes na Mostra contarán cun programa específico de formación e asesoramento comercial especialmente adaptado ás
súas necesidades como cooperativa.
Ademais, as persoas que se acheguen ao Mercado de San Agustín poderán visitar a exposición “Cata de Ideas Empresariais de Economía Social”, tamén do
programa LACES, que recolle o labor de 20 empresas de economía social de Galicia e o Norte de Portugal.
Pódese consultar a información completa do programa en https://popup.espazo.coop/
Esta Mostra POP UP inscríbese no programa europeo LACES, proxecto que ten como obxectivo contribuír ao fomento da economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Así mesmo, o LACES materialízase a través do apoio vehiculado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Con el, preténdese dar un salto cuantitativo na competitividade e impulsar os proxectos empresariais de economía social no espazo transfronteirizo, axudando á creación de empresas e de empregos de calidade na Eurorrexión.
Para máis información: 694 401 505 | María Abelleira
Promove: Unión de Cooperativas EspazoCoop-www.espazo.coop