Plans de Igualdade nas empresas
O RD 901/2020 publicado o 14 de outubro de 2020, regula os Plans de Igualdade nas empresas e está en vigor dende principios de ano.
Os plans de igualdade, obrigatorios ou voluntarios, son un conxunto de medidas adoptadas despois de realizar unha diagnose na empresa, co fin de alcanzar igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes e de eliminar a discriminación por motivos de sexo no emprego.
É obrigatorio implantar un Plan de Igualdade nas empresas de máis de 50 traballadoras/es, e a regulación actual inclúe distintas normas para desenvolver a diagnose, os contidos, as materias, as auditorías salariais, os sistemas de seguimento e a avaliación dos plans de igualdade, ademais do Rexistro de Plans.
Dende a Confederación de cooperativas de traballo (Coceta) elaboraron unha Infografía sobre os Plans de Igualdade nas empresas, co fin de mostrar as claves,
fai clic : Infografia Plans de Igualdade (Coceta RD 901-2020)
Na Infografía elaborada por Coceta explícanse as principais novidades e cuestións que lles afectan ás cooperativas, tanto no caso das cooperativas de traballo que estean formadas só por persoas socias traballadoras como aquelas que teñen, ademais, persoas traballadoras por conta allea.
Por outra parte, indicar que dende Coceta están a constatar dificultades para o rexistro e o procedemento negociador dos Plans, polo que continúan realizando un traballo de interlocución para lograr que:
- As cooperativas de traballo que están formadas só por persoas socias traballadoras e queren facer un Plan de Igualdade, poidan realizalo e Rexistralo, a efectos da súa constancia por se o precisan para participar en concursos, para solicitar subvencións, ou por calquera outro requisito que se lles solicite para o seu tráfico empresarial.
- As cooperativas de traballo que teñan persoal contratado por conta allea e conformen unha Comisión negociadora, que esta sexa aceptada e recoñecida como tal, no proceso de rexistro.
Todo isto co obxecto de que, por unha banda, as cooperativas non sexan discriminadas, e ademais, poidan seguir potenciando a “equidade de xénero”, unha das súas sinais de identidade, e, por outra, que ter un Plan de Igualdade sexa unha oportunidade e non un obstáculo por resolver, para as cooperativas.
Neste sentido animar ás cooperativas que teñan calquera incidencia a que nos informen a EspazoCoop para poder defender os intereses.
Cooperativas socias especialistas en Igualdade
Aproveitamos para informar que entre as asociadas da Unión de Cooperativas existen cooperativas especializadas en materia de Igualdade e na elaboración de Plans, para o caso de precisar dun servizo externo neste asunto.