Os colexios Mendiño e Luis Vives premiados no Certame de Cooperativismo no Ensino
A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade promove o Certame de Cooperativismo no Ensino en Galicia, que foron resoltos nos últimos días.
O certame Cooperativismo no Ensino é unha iniciativa que naceu co obxectivo de difundir e promover o cooperativismo entre o alumnado dos centros de educación infantil, primaria, secundaria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial de Galicia, a través do impulso de actividades de fomento do cooperativismo nos centros educativos.
Catro colexios, dous institutos e o alumnado de dúas cooperativas de ensino galegas foron recoñecidos neste 2023 cos premios deste programa.
Categoría, Mellor Proxecto Empresarial Cooperativo
A nosa socia, o colexio cooperativo Mendiño de Vigo, que este ano cumpre 40 anos formando, foi premiado co Accésit da modalidade de Proxectos Empresariais Cooperativos, polo proxecto de emprendemento “Sail2day”, un marketplace de maquinaria de residuos, sostibilidade, dixitalización do sector e xeración de emprego, que foi realizado polo seu alumnado de formación profesional, Pablo, Antonio e Adrián, que son o equipo promotor de 2º curso do Ciclo Medio de Actividades Comerciais traballaron unidos polos seus vencellos co mundo do mar.
O Premio ao mellor proxecto empresarial cooperativo foi para o alumnado do IES A Guía tamén de Vigo, polo proxecto “Holística, Sociedade Cooperativa Galega”.
Categoría, Actividades Cooperativizadas
Por outra parte, na categoría de Actividades Cooperativizadas, a nosa socia, a cooperativa de ensino Luis Vives de Ourense, recibiu o Accésit polo seu traballo “Vivir do Conto”, un proxecto de gravación de audio-contos para as pacientes da planta de infantil do Hospital de Ourense, o CHUO, poñendo a dispor os audio-contos a través de códigos QR.
O Premio nesta modalidade foi para o IES Valadares de Vigo con “EcoValadares: S. Coop. Xuvenil Galega de Valadares” do IES Valadares.
A entrega de premios desta edición celebrouse no IES de Valadares de Vigo e contou coa presenza de Margarita Ardao, Directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, e de Farrah Lisa Subdirectora xeral de Economía Social.
Moitos parabéns ao colexios Mendiño e Luis Vives!, así como ao resto das premiadas!.