O cooperativismo galego reúnese en Vigo para planificar o ano

 

Representantes das cooperativas galegas participaron na Asemblea de Planificación 2024 de EspazoCoop, a Unión de Cooperativas Galegas.

A Asemblea foi inaugurada por Javier Tourís Romero, Deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos da Deputación de Pontevedra.

O venres 2 de febreiro tivo lugar en Vigo a Asemblea de Planificación 2024 da Unión de Cooperativas Galegas, EspazoCoop, na que participou unha representación to tecido cooperativo da comunidade. Nesta Asemblea, que foi inaugurada por Javier Tourís Romero, Deputado de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos da Deputación de Pontevedra, presentouse o Plan operativo anual para este ano, coas principais liñas de actuación para o presente exercicio.

Ademais, tratouse a Lei de Cooperativas, unha reclamación histórica do cooperativismo da comunidade xa que é unha materia pendente desde fai anos. De feito, na actualidade está traballándose na súa modificación e desde EspazoCoop informouse da situación na que se atopa agora mesmo.

Desde a Unión solicitouse ás súas cooperativas socias achegas e consideracións para propoñer a súa inclusión no novo texto, xa que desde EspazoCoop considérase fundamental que as cooperativas galegas teñan voz e na nova Lei. Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “non se pode redactar unha nova Lei de Cooperativas en Galicia sen ter en conta a opinión das cooperativas. Somos quen mellor coñecemos as necesidades que presenta o cooperativismo en Galicia e temos que ser un axente importante na elaboración da nova Lei”.

O pase de diapositivas require JavaScript.

Nesta cita, as cooperativas socias reflexionaron e aportaron as súas valoracións e comentarios ao redor de 4 temas propostos sobre EspazoCoop:

  • Actividades e programas de constitución de cooperativas.
  • Actividades de consolidación, mellora e intercooperación.
  • Actividades de interlocución con administracións públicas.
  • Proxecto da nova Lei de Cooperativas.

Cos resultados do debate e a participación a Unión busca poder incorporar e integrar a visión das asociadas ao Plan Operativo anual para este 2024.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.