Máis de 50 entidades participan nunha xornada técnica sobre xestión de cooperativas
Esta xornada foi organizada por EspazoCoop en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña para afondar no coñecemento de aspectos de xestión que afectan ás empresas cooperativas
No día de hoxe celebrouse no Pazo de Mariñán a xornada técnica de xestión de cooperativas “Achégate ás cooperativas cunha ollada experta”. Organizada por EspazoCoop en colaboración coa Deputación Provincial da Coruña, esta xornada trata de afondar no coñecemento de aspectos de xestión que afectan ás empresas cooperativas, que medran cada ano de maneira exponencial en Galicia. Ademais, tamén tratouse as potencialidades e experiencias en compra pública responsables.
En total participaron máis de 50 entidades entre as que se atopan xestorías administrativas, despachos de avogadas e economistas e graduados sociais, entre outros colectivos, quen achegáronse de primeira man á información e coñecementos sobre temáticas laborais, fiscais e contratación pública responsable.
Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “no último ano creáronse 142 cooperativas en Galicia, das máis dun 10 % fíxeronse socias da Unión de Cooperativas de Galicia. O cooperativismo medra cada ano na comunidade e este tipo de xornadas son fundamentais para que diferentes axentes socioeconómicos podan acceder a coñecementos específicos sobre a realidade empresarial das cooperativas”.
Na clausura da xornada participou Rosa Ana García, Deputada de Industria, Empresa, Medio Ambente, Emprego e Política Demográfica da Deputación Provincial da Coruña, quen destacou o compromiso das cooperativas co territorio e a súa contribución á economía do país. “As cooperativas non se deslocalizan, posto que as persoas traballadoras dunha cooperativa son socias ao mesmo tiempo, obtendo un compromiso coa contorna. O emprego creado está ligado ao territorio. E esto é fundamental en Galicia, onde a economía social representa o 7 % do PIB, xa que solo as cooperativas sosteñen 17.000 empregos e facturan máis de 2.500 millóns“.
—
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.