Galicia representada por dúas mulleres de EspazoCoop na xornada estatal “Xuntas pola Economía Social” en Murcia
Ana Olveira e Claudia Rodríguez achegan a visión galega sobre o liderado feminino e o cooperativismo como ferramenta para avanzar na igualdade
Murcia albergou o 28 de abril a xornada estatal ‘Xuntas pola Economía Social: voces do cambio para avanzar en igualdade’. Neste encontro de referencia, Galicia está representada por Ana Olveira e Claudia Rodríguez, da Unión de Cooperativas EspazoCoop. Son as únicas representantes galegas nesta cita estatal, un feito que pon de relevo o recoñecemento á súa traxectoria e ao papel referente do cooperativismo galego na loita pola igualdade.
A súa participación chega nun momento clave para visibilizar o impacto transformador da Economía Social no avance dos dereitos das mulleres. EspazoCoop representa un modelo empresarial feminizado e comprometido coa equidade: das súas cooperativas federadas, un 61,54 % das persoas socias son mulleres cooperativistas. Ademais, as mulleres representan o 58 % das socias traballadoras e o 65 % das socias de consumo.
Estes datos evidencian que o cooperativismo galego é, ademais dunha fórmula de emprendemento colectivo, unha ferramenta potente para o empoderamento feminino, a xeración de emprego digno e a participación activa das mulleres nos órganos de decisión.
Durante a xornada en Murcia, Ana Olveira e Claudia Rodríguez compartiron espazos de traballo e reflexión con outras líderes e expertas estatais, achegando a perspectiva galega sobre os retos e oportunidades que ofrece a Economía Social para avanzar en igualdade. O evento conta con figuras destacadas como Yolanda Díaz, vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, que clausura a xornada.
Con esta representación única, Galicia está presente nesta xornada da man de EspazoCoop, reafirmando o seu compromiso cunha economía máis xusta, democrática e feminista.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.
Leave A Comment