EspazoCoop inicia o programa ‘Apoio á Función Xerencial’ para potenciar ás cooperativas

A Unión de Cooperativas EspazoCoop puxo en marcha a 11 edición do programa ‘Apoio á Función Xerencial en Cooperativas’, unha iniciativa para mellorar as condicións nas que as cooperativas confrontan a función xerencial e os procesos de mellora nas súas organizacións. Conta co apoio da Rede Eusumo-Xunta de Galicia e o FSE (Programa Poises, convocado por Cepes).

As beneficiarias das bolsas de xerencia, na edición de 2023, son as cooperativas Árbore Consumo Consciente, Colexio Vila de Arenteiro, Labrecos e Geomático.

Potenciar as cooperativas a través da función xerencial

Desde o seu inicio máis de 100 beneficiarias directas (54 cooperativas e 54 bolseiras) recibiron apoio e acompañamento no marco deste programa e viron fortalecidas as súas competencias de xestión.
O programa ven conectando cooperativas que precisan mellorar na función xerencial e persoas con formación empresarial dende hai máis de quince anos, para acadar un impacto na consolidación da cooperativa.

O programa está estruturado para incorporar nas cooperativas a persoas con formación empresarial que realizarán prácticas para dar apoio e mellorar a xerencia durante medio ano. As bolseiras contan cunha axuda mensual para desenvolver o seu labor e participan activamente nas actividades formativas, de titoría, e de seguimento que propón EspazoCoop e que fan parte do programa.

Capacítase ás bolseiras para adquirir a dimensión social e democrática que singulariza ás empresas cooperativas, máis tamén, acompáñase ás socias das cooperativas para que melloren as súas competencias de función xerencial, polo que experimentan unha aprendizaxe mutua interesante para a evolución empresarial.

Durante o programa realizan unha diagnose que avanza cara a identificación de propostas de mellora e a súa implementación. Ao finalizar o programa as bolseiras teñen a oportunidade de quedar nos cadros de persoal das cooperativas, outras seguen vinculadas ao cooperativismo e a economía social e solidaria, polo que o Programa é unha “canteira” de novos profesionais para o mundo cooperativo galego.

EspazoCoop dá prioridade ás cooperativas que están asociadas para ser beneficiarias

Entre as solicitudes recibidas, EspazoCoop prioriza as súas cooperativas socias e a participación no programa non ten custo, polo que asociarse á Unión conleva vantaxes como esta á hora de acceder a recursos para o crecemento empresarial.

As beneficiarias das bolsas de xerencia, na edición de 2023, son as cooperativas Árbore Consumo Consciente, Colexio Vila de Arenteiro, Labrecos e Geomático.

ÁRBORE CONSUMO CONSCIENTE | Tenda de alimentación e produtos ecolóxicos, locais e de comercio xusto. Fan parte da Red estatal de Supermercados Cooperativos | Cooperativa de consumo. | Vigo | http://arbore.org/

GEOMÁTICO | Desenvolvemento de software especializado en SIG Libre. Crean ferramentas para proxectos que precisen das tecnoloxías xeo máis actuais, dende aplicacións ambientais ata análise xeoespacial para movilidade. | Cooperativa de traballo | Vigo | https://geomatico.es/nosotros/

COLEXIO VILA DE ARENTEIRO | Educación nos niveis de infantil, primaria, secundaria e educación especial. O colexio cooperativo está ubicado na comarca do Ribeiro, en plena natureza. | Cooperativa de ensino | Corzos-Ourense | http://www.viladoarenteiro.com/

LABRECOS | Horticultura e gandeiría en ecolóxico no lugar de Dordaño no municipio de Cesuras, forman parte da reserva da biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. | Cooperativa xuvenil | Cesuras – A Coruña | https://www.facebook.com/labrecoss/

Contar cunha persoa bolseira ata setembro de 2023, vai permitirlles a estas socias de EspazoCoop que podan analizar, deseñar, planificar e implementar accións de mellora na cooperativa, tamén, co apoio de EspazoCoop, en coordinación coa cooperativa, adaptándose ás necesidades desta.

En definitiva o programa cumpre un papel dobre, por un lado que melloren as cooperativas e por outro fomentar o emprego coa capacitación de mozas e mozos mediante un proceso de iniciación profesional e prácticas en cooperativas galegas.

O pase de diapositivas require JavaScript.

——

*Iniciativa apoiada no marco de:

Programa 2023 da Rede Eusumo – Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.

Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social -POISES- convocado por CEPES e financiado polo Fondo Social Europeo (FSE).